Medalla de bronce para a cervexa Faisca en Barcelona

Medalla de bronce para a cervexa Faisca en Barcelona

A cervexa “Faisca“, de Cervexa Faxilda, foi galardoada cunha medalla de Bronce no Barcelona Beer Challenge. Faisca, cervexa tostada de 5,2 graos e toques afumados que pertence ao estilo Irish Beer, participou xunto con cento corenta e tres marcas das cales cincuenta e tres foron internacionais.

Este evento naceu baixo o paraugas do Barcelona Beer Festival (BBF), festival de referencia a nivel mundial do sector que se celebra desde 2012 na cidade catalá. É ademais o principal evento do sector da cervexa artesá en España e un dos máis importantes de Europa.

O Barcelona Beer Challenge estableceu 47 categorías diferentes con tres recoñecementos (ouro, prata e bronce) ás tres mellores sempre que as cervexas gañadoras fosen xulgadas como excelentes. No concurso analizáronse 500 cervexas artesás e houbo unha asistencia de 30.000 visitantes nun só fin de semana.

Un xurado profesional certificado polo Beer Judge Certification Program (BJCP), programa referente en termos de clasificación de cervexa orixinario de EEUU, avaliou as cervexas presentadas ao concurso en función de diversos elementos como o seu aspecto, aroma, sabor e outros matices.

Cervexa Faxilda é unha cervexeira que Birreina Galaica S.L, situada en Vilaboa, Pontevedra, comezou a comercializar hai pouco máis dun ano. Os seus responsables presentáronse por primeira vez a este concurso cervexeiro e aseguran estar moi orgullosos e satisfeitos con este premio, de relevancia internacional con elevado prestixio,  xa que supón un recoñecemento ao seu traballo e unha motivación para continuar desenvolvendo novas receitas.

Comparte...