Medio Rural avalía co sector a posta en marcha da IXP “Pan Galego”

Medio Rural avalía co sector a posta en marcha da IXP “Pan Galego”

Este encontro enmárcase na rolda de contactos que están a manter responsables da Consellería do Medio Rural con representantes do sector para avaliar as súas observacións e achegas en relación á posible IXP

A directora xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, Belén do Campo, reuniuse con membros da Asociación Provincial de Empresarios Fabricantes de Pan da Coruña. Esta xuntanza de traballo serviu para analizar a iniciativa da Xunta –a petición do sector– de poñer en marcha unha Indicación Xeográfica Protexida (IXP) para o pan galego.

O pasado día 5 de marzo remataba o prazo de dous meses para a presentación de alegacións á inscrición desta IXP no Rexistro Comunitario e agora están a ser estudadas pola Consellería. A solicitude de inscrición foi realizada pola Federación Galega de Panaderías (Fegapan), asociación que contou co apoio e o asesoramento da Xunta para a preparación da documentación necesaria na tramitación do expediente.

O pan galego –segundo recolle o prego de condicións da IXP– é aquel que ten codia dura e triscante, miga esponxosa e alveolado abundante e irregular, que se elabora de forma artesanal con fariña de trigo brando, da cal unha parte procede de trigos cultivados na comunidade autónoma de Galicia pertencentes a variedades e ecotipos autóctonos galegos (os comunmente denominados “trigo país” ou “trigo galego”).

A elaboración deste produto caracterízase pola utilización de masa nai e unha elevada cantidade de auga así como polos longos tempos de fermentación e cocción, esta última sempre en fornos con soleira de pedra ou outros materiais refractarios.

Comparte...