MexilOnseTuits, o Festival Social Media de Galicia, avanza na súa preparación

MexilOnseTuits, o Festival Social Media de Galicia, avanza na súa preparación

MexilOnseTuits, o Festival Social Media de Galicia que tan ligado está ao mundo da gastronomía, celebrará a súa segunda edición en Bueu o vindeiro 2 de xuño e, paseniño, avanza na súa preparación. Así, conta cun novo portal web volcado nas redes sociais.

A través da web os interesados no Social Media de Galicia terán acceso a toda a información que se vaia xerando arredor deste evento e poderán realizarse as inscricións para participar tanto como público como para as distintas categorías a concurso.

O prazo para inscribirse e poder acudir como público ao evento xa está aberto, a través do formulario do enderezo electrónico. A entrada, ademais do acceso ao recinto onde se desenvolverá todo o evento, dá dereito a unha degustación de produtos típicos e ao resto das actividades que completarán o Festival, como unha visita guiada ao Museo Massó ou saídas en embarcacións tradicións desde o porto de Bueu.

A organización apunta que, en breve, abrirase o prazo para presentar as candidaturas aos premios MexilOnseTuits, que nesta edición terán cinco categorías: Mellor Axencia 2012, Mellor Blog, no que se inxerirán a súa vez cinco categorías: Mellor Blog de Moda; Mellor Blog Cultural; Mellor Blog Turístico; Mellor Blog Gastronómico e Mellor Blog Tecnolóxico; Mellor Campaña en Canles Sociais; Mellor Video Viral e finalmente o de Mención Especial.  Os encargados de decidir finalistas e gañadores serán, unha edición máis, destacados profesionais e especialistas do eido 2.0. 

Promover o 2.0 e o Morrazo

MexilOnseTuits son os Premios Galegos do Marketing en Medios Sociais, un proxecto no que teñen cabida diferentes entidades da comarca do Morrazo que, baixo a temática das novas tecnoloxías e os medios de comunicación social, tenta tamén poñer en valor e dar a coñecer esta fermosa península no seu conxunto (gastronomía, patrimonio, natureza…).

Comparte...