Mel de Galicia, Arzúa-Ulloa, Pataca de Galicia e Ternera Gallega cumplen 25 anos

Mel de Galicia, Arzúa-Ulloa, Pataca de Galicia e Ternera Gallega cumplen 25 anos

A denominación de orixe protexida Arzúa-Ulloa e as indicacións xeográficas protexidas Pataca de Galicia, Mel de Galicia e Ternera Gallega celebraron o seu 25 aniversario cun acto en Santiago de Compostela no que o presidente da Xunta anunciou que o plan de desenvolvemento rural destinará máis de 100 millóns de euros a fortalecer o sector agrario galego e valorizar os procesos de transformación e comercialización.

Feijóo tamén adiantou a próxima convocatoria dun encontro coas entidades interesadas para deseñar plans de actuación tanto no eido da promoción como no da certificación,  a través do uso da marca Galicia Calidade, complementaria do traballo que realizan os consellos reguladores. “Entendemos que a marca Galicia Calidade é a distinción do saber facer galego, e o potencial do noso sector primario, industrial e de servizos ten sobradas mostras das nosas capacidades”, dixo.

25 anos

En 1989 a Xunta de Galicia creaba o distintivo “Produto galego de calidade”, que sería o xerme das actuais denominacións de orixe e indicacións xeográficas protexidas. O primeiro produto galego en obter dito distintivo foi Mel de Galicia, seguido de Arzúa-Ulloa, Pataca de Galicia e Ternera Gallega, que posteriormente acadarían o recoñecemento comunitario a través da DOP e IXP.

Os presidentes dos consellos reguladores indicaron a necesidade de continuar medrando e mellorando, tanto na produción como na comercialización, co obxectivo de que os produtos galegos de calidade gañen recoñecemento e cota de mercado non so en España senón no resto de Europa. O presidente de Pataca de Galicia anunciou que se traballa na incorporación de novas variedades á IXP, que actualmente so acolle patacas da variedade Kennebec. E falou da “fina de Carballo”, unha variedade propia da zona de Bergantiños, xa recuperada, e da Agria, variedade seleccionada que se produce na zona da Limia, destinada en boa medida á industria agroalimentaria.

Os catro consellos reguladores que celebran o seu 25 aniversario representan a preto de 9.200 agricultores e gandeiros e 140 industrias que  no pasado ano facturaron en conxunto máis de 123 millóns de euros coa certificación de case 26 millóns de quilos de produtos; é dicir, o 35 por cento do valor económico que acadou a produción total das 33 marcas de calidade diferenciada rexistradas en Galicia.

Primeira industria de Galicia

Segundo indicou o Presidente da Xunta a industria agroalimentaria galega está integrada por 2.500 empresas, cunha facturación superior aos 4.600 millóns de euros anuais e unha ocupación próxima aos 21.000 postos de traballo, colocándose por diante da industria do automóbil.  Sen embargo, sinalou que fronte ás grandes industrias lácteas ou cárnicas, cuxa produción representa o 43 por cento do valor engadido bruto e o 34 por cento do emprego, este sector alberga, tamén, un amplo número de empresas, moitas delas con menos de dez empregados, que representan o 57 por cento do valor engadido bruto da produción e un 66 por cento dos postos de traballo.

Comparte...