Mel de Galicia loita pola protección do consumidor coa regulación no etiquetado

Mel de Galicia loita pola protección do consumidor coa regulación no etiquetado

A crecente importación de mel de países nos que a seguridade alimentaria é máis laxa, e que se atopa no mercado misturada con mel da Unión Europea e baixo un etiquetado legal, de maneira que non se poida diferenciar, fai que o Consello Regulador Indicación Xeográfica Protexida Mel de Galicia volva poñer en relevancia a importancia do etiquetado, sendo o principal medio de comunicación entre os produtores e os consumidores finais.

Co obxecto de protexer ao máximo o consumidor, Mel de Galicia reclama os cambios normativos que permitan os apicultores galegos diferenciar as súas producións fronte á de outros países, co obxecto de que iso permita aos consumidores identificar con claridade e precisión a orixe do mel que inxiren, e poder decidir eles qué tipo de mel queren consumir con coñecemento de causa, aínda que para iso teñan que utilizar unha lupa para ler o etiquetado.

Actualmente, existe unha preocupante ambigüidade na normativa comunitaria, ao non poder diferenciar a calidade dos produtos na inscripción do envase de mel que se comercializa. Deste modo, pódese adquirir un tarro de mel que contén un 1% de procedencia española e un 99% de China, mentres que no seu etiquetado aparece a inscripción «meles procedentes de países da Unión Europea (UE) e de fóra da UE». Ao ocultar a orixe, o consumidor podería estar adquirindo unha miscelánea de meles de calquera país foráneo onde os controis de seguridade alimentarios sexan moito menos rigurosos.

COMPRAR MEL DE GALICIA

O colectivo fai un chamamento á sociedade e anima a que busque no supermercado ou tenda local o mel acollido á IXP Mel de Galicia identificada coa contraetiqueta que avala a orixe galega, ademais da calidade. No seu etiquetado debe figurar a denominación Mel de Galicia Indicación Xeográfica Protexida en lugar destacado, resultando así recoñecible, de calidade e confianza para o consumidor. E é que a contraetiqueta Mel de Galicia é o precinto que garante o feito de estar ante un produto 100% galego que non contén mistura de outros meles, así como do cumprimento dos requisitos de calidade reflectidos no plego de condicións publicado en Europa.

Deste xeito tamén, co simple feito de adquirir produtos baixo a denominación de calidade Mel de Galicia, o consumidor estará non só colaborando cos apicultores galegos senón tamén mantendo a biodiversidade, a agricultura e gandería, e valorizando un produto que pode competir en calidade no mercado do mel a nivel mundial e con todo iso axudamos a que se manteña e mellore o rural.

Comparte...