Misión comercial en Colombia de Colleiteiros do Ribeiro

Misión comercial en Colombia de Colleiteiros do Ribeiro

Catro adegas da Asociación de Colleiteiros Embotelladores do Ribeiro iniciaron o luns 15 de maio, e ata o venres 19 de maio, unha misión comercial en Colombia, (Val de Souto, Sameirás, Quinta do Rebolo e Cuñas Davia). Para iso contouse co apoio do IGAPE tanto para a elaboración da axenda comercial, como cos Fondos FEDER para financiar dita misión.

Para esta misión a asociación tamén contou co  apoio “inestimable” dos galegos que teñen negocios en Colombia, como Juan Fernández da importadora de viños Eternia, quen se encargou de movilizar a outros importadores colombianos para ensinarlle os viños ou o Restaurante La Penela onde realizaron unha cata con varios profesionais do sector e importadores.

Desde a asociación afirman que na misión “demostrouse un alto interese polos viños dos Colleiteiros, pola súa historia e por esas características especiais en torno a dita figura, que a converte única no mundo do viño”. Tamén resaltaron a importancia da coordinación con outras actividades, como misións inversas ou feiras, posto que algúns dos importadores interesados en Ribeiro participaran na misión inversa da CEO que se celebrou o ano pasado a mediados de novembro, ou acudiron á feira de Vinis Terrae a primeiros de abril, onde xa se puideron ir adiantando reunións, que posteriormente se pecharán en Colombia. Ademais do inestimable valor de que os importadores colombianos coñezan o Ribeiro en particular e Ourense en xeral.

A asociación explica que, en Colombia, regularizar os viños para poder importalos, sole demorarse aproximadamente 6 meses, por tanto, “esperamos pechar os acordos pronto e intentar acelerar as xestións para chegar ao nadal a tempo”.

Esta misión comercial foi a última viaxe deste ano para a Asociacion de Colleiteiros, “onde estamos á espera de que o IGAPE resolva a subvención de Galicia Exporta Organismos Intermedios para en 2018, ata 21 Colleiteiros (actualmente hai 41 asociados) poidan participar nas distintas misiónes a:
Xapón, EEUU (Chicago), Suiza, Reino Unido, Alemaña e Brasil.

Comparte...