Vendima

Monterrei e Ribeira Sacra pechan as mellores vendimas da súa historia

A denominación de orixe Monterrei finalizou a vendima deste ano con 5.633.717,3 quilogramos de uva colleitados, un máximo histórico. Esta cifra supón, tal e como apuntou a presidenta do  consello regulador, Lara da Silva, que se superaron “en 41.893,8 quilogramos a campaña 2018, ata o de agora a máis exitosa”.

Ademais, Da Silva congratulouse pola gran calidade da uva recollida e polo bo tempo que acompañou á vendima. “O estado fitosanitario da uva foi excelente, así como as condicións climáticas durante a campaña, o que permitiu que se colleitasen as uvas de modo gradual, sendo deste xeito unha das campañas máis longas da historia”, destacou a presidenta do  consello regulador.

Así, a vendima arrincouna o 7 de setembro a adega de Francisco Pérez Diéguez (Couto Mixto) e pechouna a adega  Crego e  Monaguillo S.L. o 18 de outubro. En canto ás variedades  vendimadas,  recolléronse 3.558.320,1 quilogramos de uva branca e 2.075.397,2 quilogramos de uva tinta.

A D.O. Monterrei, unha das cinco existentes en Galicia, agrupa 27 adegas dos municipios de Verín, Monterrei, Vilardevós, Riós,  Oímbra e Castrelo do Val.

Máis de sete millóns de quilos recolleitos na Ribeira Sacra

Tamén na  DO Ribeira Sacra a vendima 2019 converteuse na máis abundante ata a data. Cun total de 7.262.831 quilos de uva recolleitos, superou en case 1.100.00 quilos a pasada tempada.

Igualmente foi a de maior duración, estendéndose a vendima desde o 28 de agosto ata o 18 de outubro. A variedade de tinto mencía foi a máis recollida, con 6.000.233 quilogramos, seguida do branco  godello, con 422.866 quilos.

O presidente do  consello regulador, José Manuel Rodríguez, mostrouse moi satisfeito no seu balance. “Hai cantidade e calidade. Nesta ocasión non houbo ningún problema de xeadas, nin  pedrisco, nin tivemos unha primavera complicada como ocorreu nos últimos anos. Recollemos máis uva e de moi boa calidade (…). Subimos un 10 % a produción con respecto á media dos últimos anos, e tamén subimos un 10% no prezo, xa que a uva pagouse a 1,20€”.

Asemblea de Consellos Reguladores de toda España

Desde hoxe e ata o sábado, a Ribeira Sacra acollerá XXIV Asemblea Xeral da Conferencia Española de Consellos Reguladores Vitivinícolas ( CECRV), encontro que reunirá aos representantes dun 98% da produción estatal de viño con denominación de orixe.

Comparte...