Notable alto para a nova colleita do D.O. Ribeira Sacra

Notable alto para a nova colleita do D.O. Ribeira Sacra

O pasado venres 23 celebrouse no Concello de Parada de Sil (Ourense), a cata de cualificación dos viños da D.Ou. Ribeira Sacra co obxectivo de establecer unha valoración media desta nova colleita.

O panel de cata formado por enólogos, catadores, expertos de distintos ámbitos cualificou os viños desta nova anada como excelentes, alcanznado unha nota media de 8, feito que só sucedera unha vez na historia da denominación de orixe no ano 2000. O xurado puido valorar 10 referencias, representativas das cinco zonas e desta nova colleita, catando mostras tanto de pequenas como de grandes adegas, co fin de determinar a calidade dos viños.

Esta cualificación é un indicador do bo traballo realizado por parte de todo o colectivo que conforma a Denominación de Orixe e a gran aposta por aumentar os controis de calidade de produto por parte do Consello Regulador, así como o notable traballo de viticultores e adegueiros que conseguiron sacar adiante unha colleita nun ano onde as condicións climatolóxicas non foron do todo favorables.

Desde a Asociación Galega de Enólogos, Celia Fernández apuntou que, “Parecéronme uns viños frutais, con moitas notas florais en nariz e moi ben estruturados en boca e moi equilibrados.” Pola súa banda, José Ramón Montilla, da Asociación de Sumilleres de Gallaecia destacou que se atopaba “moi contento do resultado desta cata da colleita de 2017 porque vemos que os viños manteñen a elegancia e frescura que os caracteriza e este ano a maiores temos máis profundidade, estrutura e unha maduración moi boa.”

Pepe Seoane, xornalista especializado, destacou “a sensación que me producen os viños deste ano é interesante na medida que non vexo uniformidade […] e iso paréceme positivo porque se todos os viños son iguais acaba sendo moi aburrida unha zona.” Ao mesmo tempo, Adoración Rodríguez , da Asociación Vitislucus declarou que: “A miña visión da cata de hoxe foi en xeral moi boa, de feito a nota media dun 8, excelente, xa demostra o que nos pareceu.”

Comparte...