Notable presenza galega no salón Gourmets

Notable presenza galega no salón Gourmets

Do 8 ao 11 de abril celébrase en Madrid o XXVII Salón de Gourmets, Feria de Alimentación y Bebidas de Calidad, no IFEMA.

Os produtos de Galicia están moi presentes en Gourmets, comezando polo posto da Xunta de Galicia, situado no Pavillón 6, F10 e que está compartido por 35 entidades e empresas comercializadoras. Neste espazo, a promoción e actividade comercial das distintas firmas é continua.

Destaca a presenza en Gourmets de Estrella Galicia e 1906, que é a cervexa oficial.

Catas de 1906 Red Vintage e das súas outras cervexas; o relatorio La cerveza que se come; e leccións sobre como tirar ben unha cervexa a cargo de Fernando Iglesias, responsable de Calidade de Mercado de Hijos de Rivera, forman parte do programa de Estrella Galicia en Gourmets.

Mexillón de Galicia tamén quere dar a coñecer o seu potencial como produto delicatessen. Unha degustación de receitas e unha charla sobre as calidades que distinguen o mexillón galego son algunhas das súas actividades de promoción previstas.

No día inaugural do salón, Mexillón de Galicia apostou por Emma Pinal, que presentou pratos de inspiración galega como a Tempura de Mexillón de Galicia con maionesa de Ribeiro ou Mexillón de Galicia con fabas de Lourenzá.

Pola súa banda, Mel de Galicia ofrecerá unha demostración elaborada polo cociñeiro Paco Roncero o mércores 10 na sala “A Punto” do Salón Gourmets, co nome Mel de Galicia, a xoia gastronómica da cociña e amosará diversas receitas.

Ademais da demostración, Mel de Galicia, organizará unha cata guiada e comentada dos meles de Galicia o martes no posto da Xunta.

Comparte...