‘Notas de Cata’ leva a Ruta do Viño Rías Baixas a El Corte Inglés de Santiago

‘Notas de Cata’ leva a Ruta do Viño Rías Baixas a El Corte Inglés de Santiago

O próximo 20 de abril, o Restaurante de El Corte Inglés de Santiago de Compostela acollerá ‘Notas de Cata’, un evento enmarcado na ‘Ruta do Viño Rías Baixas’.

‘Notas de Cata’ consiste nunha degustación comentada de viño, dirixida polo catador José Luis Aragunde, que guiará aos asistentes na proba das catro variedades de viño. Ademais, para poñer o contrapunto musical, cada unha das catas acompañarase cunha interpretación musical de bandas sonoras de películas coñecidas.

A gastronomía tamén estará presente en ‘Notas de Cata’, xa que unha vez finalizada a demostración, realizarase unha degustación de conservas de ANFACO- CEOPESCA. Para finalizar a xornada, o dúo de corda presente no evento realizará un concerto de despedida.

Ademais, todos os asistentes recibirán un libro de receitas de cociña con conservas, unhas fichas de cata profesionais que poderán utilizar durante a sesión e un caderno da Ruta do Viño Rías Baixas.

Para Lorena Varela, xerente da Ruta do Viño Rías Baixas, estas sesións supoñen “unha harmonización entre os viños das nosas adegas asociadas, a degustación de conservas galegas proporcionadas pola a Asociación ANFACO- CECOPESCA e música en directo a cargo dun dúo de corda, con violín e violoncelo”.

A Ruta do Viño Rías Baixas forma parte do Club de Productos Rutas del Vino de España, un club de turismo enolóxico que está formado por 27 destinos localizados por toda a xeografía española. Así, agrupa a máis de 550 municipios e máis de 2.000 empresas que pretenden potenciar os viños e a gastronomía de cada territorio a través do turismo sustentable e o traballo en rede.

A actividade celebrarase ás 20:00 do venres 20 de abril no Restaurante de El Corte Inglés de Santiago (situado na terceira planta do centro). O prezo é de 8 euros por persoa e as entradas están á venda a través do portal de Ataquilla. com

Comparte...