Nove cumpliu dez e celebrouno contra vento e marea

Nove cumpliu dez e celebrouno contra vento e marea

Foi una noite de elementos desatados, meteorolóxicos e culinarios, na que os segundos triunfaron sen ningún tipo de dúbidas para que o Grupo Nove celebrase con varios centos de convidados o seu décimo aniversario nunha festa en que todos se divertiron, malia que os cociñeiros o fixeron traballando para que os convidados probasen as súas mellores preparacións. Pero víaselles na cara que o facían con verdadeiro gusto.

A borrasca puxo todos os medios para pasar por auga a festa, pero so conseguiu demostrar que a chamada de Nove era máis forte que o vento, que na Cidade da Cultura dificultaba o avance. E moito máis forte que unha potente chuvia que empapou as roupas de todos os asistentes, pero nin chegou a salpicar os ánimos.

Os cociñeiros de Nove, sen Marcelo, gozaron como colexiais durante a presentación do acto, conducido por Soledad Felloza e Manolo Gago. Xuntiños na primeira fila, abrazados, foron subindo ao escenario mentres os presentadores debullaban os seus méritos e o público aplaudía. Beatriz Sotelo, a única muller do grupo, foi recibida cun aplauso máis intenso e Pepe Solla cunha verdadeira ovación.

Miguel Angel Campos (A Gabeira, Ferrol), presidente do grupo, falou en nome de todos os seus compoñentes para expresar o seu compromiso co país mentres que o coñecido Alberto Chicote explicou que fóra do país Nove representa un sinal de identidade de Galicia, mentres Nava Castro, responsable de Turismo de Galicia, expuxo a importancia do grupo e a gastronomía para Galicia.

Despois chegaría o convite no que cada cociñeiro do grupo ofreceu unha tapa preparada in situ: bonito de Burela, vieiras, empanada de vieiras, chocos con arroz, sopas de peixe, mexillóns, filloas recheas de boletus, tataky de tenreira, crema de queixo con froitas, mazás con castañas ou falsa trufa con queixo e chocolate foron algunas das tapas que os asistentes puideron degustar.

Ao remate seguía chovendo e ventando, pero xa non importaba moito.

Comparte...