A nova Asociación de Empresarios Bodegueiros de Valdeorras busca potenciar e promocionar os viños da DO

A nova Asociación de Empresarios Bodegueiros de Valdeorras busca potenciar e promocionar os viños da DO

A nova Asociación de Empresarios Bodegueiros de Valdeorras presentou os obxectivos e motivos da súa creación nun acto celebrado no Salón de Actos do Edificio Multiusos do Concello do Barco. Esta entidade, composta por 10 adegas da DO Valdeorras, busca potenciar e promocionar os viños que se elaboran nesta denominación.

Así o expuso a súa vicepresidenta, Arantxa Barros, os bodegueiros e representantes institucionais asistentes ao acto. Incidindo en que “queremos unir as nosas forzas e intereses para buscar fórmulas que nos axuden a potenciar e defender a nosa denominación de orixe”.

Esta primeira asociación do ámbito empresarial vitivinícola que se constitúe na Denominación de Orixe Valdeorras busca “definir unha política común de traballo e cooperación para unha parte do sector, o bodegueiro, que non existía” segundo relatou a vicepresidenta. Argumentando ademais que “temos a necesidade de abrir novos canais de comunicación e cooperación, adiantándonos os problemas que poidamos ter en diferentes ámbitos como o comercial, técnico e incluso fitosanitario. Un traballo que realizaremos mantendo contato con todos os membros do sector produtivo para potenciar a nosa denominación”.

Na presentación quixeron enfatizar que a nova asociación “quere aunar esforzos entre o sector público e privado para que os nosos viños sigan crecendo en calidade e promoción, porque nos sentimos orgullosos deles, e queremos axudar a protexelos e impulsalos”. No acto tamén interviu outro membro da directiva, o tesoureiro, José Ramón Rodríguez, para explicar algúns dos obxectivos da entidade. Entre os que se atopan a defensa dos intereses comúns, a creación dun plan de actuacións e actividades, así como a creación de imaxe de marca. Finalizaron o apartado de intervencións facendo un chamamento os bodeguerios da denominación “que se sinta con inquedanzas a unirse á nosa asociación porque cantos máis sexamos, máis forza teremos e poderemos poñer en marcha máis proxectos”. O acto concluíu cunha degustación dos viños elaborados polos membros desta nova asociación.

Comparte...