Concurso de receitas de entroido, en Oroso

Concurso de receitas de entroido, en Oroso

O Concello de Oroso convoca o concurso de receitas de entroido “En galego sabe mellor”, unha iniciativa que chega este ano á súa cuarta edición e coa que se busca combinar a recuperación de receitas tradicionais de entroido co uso da lingua galega. Por iso, o xurado non só valorará a presentación e a creatividade do prato, senón tamén o uso que se fai na receita do idioma galego.

O concurso está aberto para todos os veciños e veciñas de Oroso maiores de 16 anos, podendo presentar ata un máximo de dúas receitas por participante. O gañador levará unha cea para dúas persoas nun restaurante do municipio, mentres que o finalista acadará un libro de cociña. Ambas receitas serán publicadas posteriormente na páxina web municipal  para que así tamén as poidan elaborar todos os internautas que o desexen.

As receitas deberán entregarse mecanografadas no centro cultural Fernando Casas e Novoa antes do vindeiro 5 de febreiro. Posteriormente, deberase presentar o prato cociñado da casa o 7 de febreiro no centro cultural de Sigüeiro, ben en horario de 9:00 a 14:00 horas ou ben de 17:00 a 18:00 horas.

Os premios entregaranse no transcurso dun acto aberto ao público no centro cultural de Sigüeiro. As bases do concurso poden recollerse no centro cultural ou descargarse da páxina web muncipal

Comparte...