Os colaboradores creativos de Pepe Vieira arroupan ao chef pola apertura do seu restaurante Estrela Michelin

Os colaboradores creativos de Pepe Vieira arroupan ao chef pola apertura do seu restaurante Estrela Michelin

O sábado 1 de abril, o chef Pepe Vieira reabre o seu restaurante Estrela Michelin en Poio (Pontevedra) tras cinco meses de traballo, un periodo que o cociñeiro galego concibe en forma de “tempada creativa” e da que surxiron 80 pratos inéditos. Durante este tempo de inspiración e faena, Pepe Vieira non estivo só. O seu universo creativo está composto por un equipo de colaboradores que o chef califica como “proveedores de talento”, e no que figura desde o xefe de cociña, Óscar Abal, no ámbito estrictamente gastronómico, ata os autores das novidades que ofrece o restaurante.

Este venres, a partires das 21.00 horas, Pepe Vieira e os seus colaboradores desvelarán ante os medios de comunicación as claves dunha proposta gastronómica que o público poderá saborear un día despois, o sábado 1 de abril, data fixada para a apertura do restaurante Estrela Michelin. Aí estará Jairo Bello, de Soja Arquitectura, máximo referente actual en deseño de espazos en Galicia, que levou a cabo un completo traballo de interiorismo a partires de materiais e texturas acordes co universo gastronómico de Pepe Vieira. Un bo exemplo son os dous mesados de mármol, deseñados por parte de Jairo Bello para a firma líder internacional en pedra natural Levantina. Outros elementos destacados son a mantelería de liño puro deseñada por D-Due, marca galega adicada ao deseño de moda de muller; unha réplica dos coitelos empregados por Cristóbal Colón na súa travesía ao Novo Mundo, deseñados e producidos por Juan Carlos Quintán, de Navallas de Taramundi; e unha lámpada, deseñada por Jairo Bello e executada por Monroy, con ducias de puntos de luz independentes e que está inspirada nas bateas típicas das rías galegas.

A esta lista súmanse colaboracións tales como as serigrafías realizadas con tintas fabricadas a partires de salsas creadas por Pepe Viera, e executadas por Rei Zentolo, ou as receitas de Pepe Vieira ilustradas por Elena Gómez Dahlgren. Ademais, esta tempada xestouse unha nova colaboración con “El Solitario”, un auténtico ciclón creativo que sorprende ao mundo desde unha aldea de Galicia co deseño das súas motocicletas, convertidas en verdadeiras esculturas que estarán expostas no propio restaurante. O deseñador gráfico Felipe Gil Gago (Radar Estudios) e o realizador Paco Cuesta completan o elenco creativo.

A impactante orografía que caracteriza á Galicia do Finisterre, a climatoloxía cambiante e a autenticidade inherente os produtos deste privilexiado entorno caracterizan a nova proposta gastronómica de Pepe Vieira, denominada “A cociña da fin do mundo”, que será o fío conductor do evento. A partires do sábado, e ao longo dos vindeiros 6 meses, os visitantes poderán gozar de 80 pratos clasificados en tres tipos de menú. Os dous primeiros están orientados a comensais que buscan gozar ao completo do que Pepe Vieira ten que ofrecer. A terceira proposta ten fortes vínculos cunha filosofía de vida vegana ao recrear elementos da horta galega grazas á colaboración de pequenos proveedores comprometidos coa natureza.

A apertura do restaurante Pepe Vieira, o sábado día 1 de abril, constitúe o inicio dunha das tempadas gastronómicas máis atrevidas e arriscadas do chef galego e do seu equipo. O público poderá gozar esta proposta culinaria de martes a sábado (en horario de 13:00 h. a 15:00 h. e de 21.00 h a 22.30 h.) e os domingos a mediodía (de 13.00 h. a 15.00 h.).

Comparte...