Óscar de Toro abrirá cunha degustación as xornadas ‘Os Cafés, Patrimonio Cultural a través do tempo’

Óscar de Toro abrirá cunha degustación as xornadas ‘Os Cafés, Patrimonio Cultural a través do tempo’

Foto: Oscardetoro.com

Un obradoiro con café de barista dirixido por Óscar de Toro abrirá, xunto cos produtos de Galicia Calidade, as I Xornadas ‘Os Cafés, Patrimonio Cultural a través do tempo’. Este evento, que se desenvolverá na Fundación Gonzalo Torrente Ballester de Santiago durante os próximos días 3, 4 e 5 de maio pretende resaltar o valor dos cafés ó longo da historia.

A primeira xornada destas sesións iniciarase cun obradoiro con Cafés Candelas e produtos de Galicia Calidade. O barista Óscar de Toro, propietario do Café Venecia de Santiago e recente vencedor do certame de tiradores de cañas de Galicia, será o encargado de dirixir esta degustación .Para o director das xornadas, Fernando Franjo, esta primeira actividade serve de presentación para a mañá do próximo xoves, “na que trataremos o patrimonio gastronómico e hosteleiro en Galicia, coa nova cociña como un dos principais protagonistas”.

A mañá do xoves 3 continuará coas intervencións de Miguel Vila, director da revista Benbo e Alberto Lareo, chef do restaurante Manso. Ambos expertos participarán posteriormente nunha tertulia titulada ‘A implantación dos novos modelos gastronómicos. Cociña e servizo’, xunto ó propio Óscar de Toro e  Ángel Benavente, xefe do departamento de Servizos do Centro Superior de Hostalaría de Galicia. Esta posta en común servirá para pechar a primeira parte das xornadas.

Pola tarde as Xornadas albergarán as conferencias sobre o café como parte da gastronomía moderna e o importante valor cultural dos cafés. Así neste bloque participarán persoeiros como Antonio Riveiro, xerente do Café Casino de Santiago ou Vasilis Stathakis, presidente da Asociación Europea de Cafés Históricos (Ethica).

Ás 19.00 da tarde do xoves terá lugar a inauguración oficial dunhas xornadas que, cunha programación do máis completa, poñerán ós cafés no centro da vida cultural de Santiago .

Comparte...