Ourense celebra o seu primeiro campionato de baristas, organizado por Cafés Las Antillas-Campos

Ourense celebra o seu primeiro campionato de baristas, organizado por Cafés Las Antillas-Campos

A cidade das Burgas conta xa co seu propio cpncurso de baristas, o Campionato Top Barista Cafés Las Antillas-Campos, que celebra a súa primeira edición o sábado, 30 de maio, a partir das 16h no restaurante A Carballeira, en Santa Cruz de Arrabaldo. Top Barista está impulsado por Cafés Las Antillas-Campos, tostadero ourensán fundado en 1922 cunha gran tradición familiar e unha afamada traxectoria no mundo do toste de café, e polo barman e barista do Moon 93 Café & Cocktail Bar no Carballiño, Guillermo González, que xunto coa colaboración doutros baristas e profesionais, crearon esta competición, que aspira a ser unha proposta diferente que combine a coctelería e o café. Orientada ao profesional e amante do café, este campionato quere ser unha competición divertida e única, na que participarán dez baristas profesionais, de entre os que se seleccionará ao profesional con maior destreza, imaxinación e creatividade.

Os participantes nesta primeira edición do campionato Top Baristas serán: Edgar Latussek, do Rudi Café en Xinzo da Limia, profesional de cata de café, amante e profesional do barismo, formado no Instituto Español del Café; Luís López, barista saído do prestixioso berce do barismo como é o IES de Foz; Sofía Prieto, pioneira no mundo barista, gañadora de numerosos campionatos a nivel autonómico e nacional tanto en cata de café como en barista; Xan Martínez, barista lalinense da Taberna A Lareira, referencia na capital do Deza, con gran traxectoria como profesional do café; Luís Branco, mozo barista asentado en Vigo, propietario e barista en The Coffee land, conta con premios de recoñecemento autonómico e nacional; Damián Seijas, referente da cultura do café, barista chantadino que dedica a súa vida desde hai xa moitos anos á súa gran paixón que é o café, ademais de ser un dos mellores en latte-art en España, conta con innumerables premios autonómicos e nacionais tanto en baristas como en latte-art e coctelería con café; Jose Pérez Gayoso, estudante do IES Villamarín, comezou as súas andainas no mundo do café no campionato de escolas do IES de Foz 2015, quedando na segunda posición; Jose López, chegado desde A Baña, recentemente iniciado neste mundo e que xa tivo a posibilidade de competir a nivel nacional; Pablo Vázquez, estudou no IES Villamarín, actualmente atópase fincado en Chantada no local A Faragulla e Roberto González, mozo barista ourensán afincado no Café Marinto.

Os aspirantes deberán elaborar catro espressos, catro capuccinos e dúas bebidas de especialidade con ou sen alcol. Os encargados da valoración será un equipo de xuíces composto por membros de lla marca Café Las Antillas-Campos así como destacados profesionais como Jorge Calviño, Marcel Schaal e Elías Gómez. Eles serán os encargados de decidir o barista gañador que levará, ademais do correspondente trofeo e diploma, un muíño Markibar Aspe e un premio en metálico de 500 euros. O segundo clasificado obterá trofeo, diploma e 400 euros e o terceiro, trofeo, diploma e 250 euros. Tamén se premiará ao Mellor Espresso, ao Mellor Capuccino e á Mellor Bebida de Especialidade.

Comparte...