Volve o Outono Gastronómico, gozando coa gastronomía galega nas casas de turismo rural

Volve o Outono Gastronómico, gozando coa gastronomía galega nas casas de turismo rural

As xornadas gastronómicas nas casas de turismo rural viviranse do 12 de setembro ao 14 de decembro

Chega a oitava edición do Outono Gastronómico, o programa organizado para as casas de turismo rural galegas da man de Turgalicia que supón un bo xeito de coñecer propostas gastronómicas galegas elaboradas con produtos de tempada.

Son varias opcións para os interesados, que deberán concretar as reservas directamente coa casa de turismo rural á que queren acudir:

  • O Menú Outono Gastronómico”. Un menú para xantar ou cenar que consta de entrante, primeiro prato, segundo prato, sobremesa e, viño dunha das Denominacións de Orixe galegas. O prezo é de 30 euros por persoa. Cada casa de turismo rural ofrece dous menús diferentes.
  • O Paquete Outono Gastronómico” que inclúe un “Menú Outono Gastronómico” por persoa e o aloxamento e almorzo na casa de Turismo Rural elixida, pódese escoller a noite do venres ou a do sábado-. O prezo é de 110 euros para dúas persoas en cuarto dobre ou de 70 euros para unha persoa en cuarto individual.
  • A Fin de Semana de Outono Gastronómico”, que inclúe dous menús por persoa, aloxamento –noite de venres ou sábado- e almorzos por 190 euros para dúas persoas en cuarto dobre e 130 euros para unha persoa en cuarto individual.
  •  AFin de Semana Familiar Outono Gastronómico”, que inclúe ofertas para un e dous nenos de ata 14 anos.

 O programa implica a 106 establecementos das catro provincias, mantén os prezos de anos anteriores e abrangue do 12 de setembro ao 14 de decembro, agás as fins de semana do 31 de outubro ao 2 de novembro e do 5 ao 7 de decembro.

Coma novidade, e baixo a denominación “Este ano, cociña connosco”, os cociñeiros das casas de turismo rural permitirán que os visitantes entren nas cociñas para seguir a preparación dos menús, uns obradoiros de cociña gratuítos nos que tamén se entregarán compendios de receitas de agasallo.

Na presentación do Outono Gastronómico, Nava Castro, directora de Turismo de Galicia, apuntou que no que levamos de 2014 foron 74.971 os viaxeiros que escolleron Galicia como destino de turismo rural e os establecementos rurais contabilizaron un total de 138.866 pernoitas, un 25,9% e 26,8% máis, respectivamente, que no ano anterior.

Ademais, un total de 37.045 persoas participaron nas sete edicións pasadas dos Outonos Gastronómicos, cunha facturación de 2.086.169 euros, segundo os datos da Xunta de Galicia.

Presentación Outono Gastronómico Xunta de Galicia

Comparte...