Outono Gastronómico recibe en Fitur o premio ao Mellor Produto de Turismo Activo na modalidade de enogastronomía

Outono Gastronómico recibe en Fitur o premio ao Mellor Produto de Turismo Activo na modalidade de enogastronomía

No marco do concurso que anualmente convoca o Salón Internacional de Turismo de Madrid, Fitur 2016 en colaboración coa publicación Aire Libre, o programa de Turismo de Galicia Outono Gastronómico recibiu o premio como Mellor Produto de Turismo Activo na modalidade de enogastronomía, un galardón que recolleu en Madrid a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro.

Os premiados son escollidos por profesionais do sector, medios de comunidación, representantes do sector turístico e lectores da revista que elixen aqueles que consideran que contribúen ao desenvolvemento e a comercialización da industria turística nacional e contribúen a proxectar unha imaxe de destino turístico de calidade.

No caso do programa Outono Gastronómico, o xurado destacou a acertada combinación da gastronomía e os aloxamentos de turismo rural con prezos moi competitivos e menús exclusivamente desenvolvidos para a ocasión con produtos de tempada. O obxectivo desta campaña da Xunta de Galicia é contribuír á dinamización e desestacionalización do turismo rural galego con accións que permitan seguir incrementando o grao de coñecemento deste tipo de aloxamentos entre os usuarios.

Comparte...