Paco Roncero enxalza en Melide a gastronomía galega

Paco Roncero enxalza en Melide a gastronomía galega

A XXVIII Festa do Melindre e da Repostaría Tradicional Terra de Melide celebrou o domingo pola mañá o seu momento álxido co pregón do cociñeiro estrela Michelin Paco Roncero nunha ateigada Praza do Convento. O chef manifestou o seu agradecemento á vila coruñesa por terlle escollido como embaixador destes doces, “feitos co cariño da tradición”, e o seu compromiso pola posta en valor de melindres, ricos e amendoados. “A primeira vez que os probei, a miña imaxinación disparouse ante a cantidade de aplicacións que podíamos darlles dentro da cociña e é que,cando falamos de tradición, o enriquecimento é infinito”, afirmaba o chef. Tras percorrer un pequeno tramo do Camiño, Roncero destacou tamén a importancia e valor da ruta xacobea e prometeu voltar con máis tempo no futuro.

Interveu despois Dalia García, alcaldesa de Melide, quen sinalou no seu discurso que “é unha honra para nós contar cun dos referentes da cociña máis importantes e queridos polo público como persoeiro de referencia nesta celebración da cultura culinaria tradicional. Algo que de seguro xa notou Paco Roncero ao saudar á veciñanza esta fin de semana nas nosas rúas. O Concello de Melide puxo esforzo e ilusión para dar visibilidade aos nosos productos nesta edición e así o seguiremos a facer no futuro co obxectivo de coñecer a marca Repostaría Tradicional da Terra de Melide e que esta sexa coñecida de tal xeito que a tradición das nosas bisavoas poida ser mantida viva agora e sempre”.

Novos embaixadores

O salón de plenos do Concello de Melide acolleu tamén o nomeamento dos novos embaixadores desta edición: o actor Marcos Pereiro, coñecido pola súa pertenza ao no dúo cómico As Cantareiras de Ardebullo; a reposteira e instagramer Isabel Pérez de Aliter Dulcia; o triatleta gañador de tres copas do mundo Uxío Abuín; o xornalista gastronómico Jorge Guitián; a directiva de Aceites Abril Elena Pérez Canal; os chefs Marías Varea de A Parada das Bestas e Miguel Ángel Liboreiro de O Tobo do Lobo; e o director do CIFP Carlos Oroza, Manuel Hermo.

Finalizado o pregón, comezou soar a música co italiano Claudio Spadi e a banda de música de Arzúa. Completando o programa lúdico, os pequenos puideron gozar pola tarde do espectáculo Radio Bulebule de Paco Nogueiras e foi o grupo folk Milladoiro o encargado de poñerlle a guinda pola noite a esta XXVIII Festa do Melindre.

Comparte...