Presentación de la XXVIII Festa do Melindre en el Casino de Santiago

O chef Paco Roncero será o pregoeiro da XXVIII Festa do Melindre

O popular e prestixioso chef Paco Roncero, galardoado con dúas estrelas Michelin e ben coñecido pola súa participación en programas de televisión, será o pregoeiro da Festa do Melindre e da Repostaría Tradicional da Terra de Melide, que este ano se celebrará na fin de semana do 11 e o 12 de maio e alcanza a súa vixésimo oitava edición. Roncero dirixirá, ademais, un showcooking doce con degustación que terá lugar o sábado na viñoteca Ribeirao e que terá entrada gratuíta previa inscrición o mesmo día no baixo da Casa do Concello ata completar aforo.

Así se fixo saber hoxe á mañá na presentación da festa, que tivo lugar no Casino de Santiago e que correu a cargo da alcaldesa de Melide, Dalia García, quen estivo acompañada polo presidente da asociación Melide Terra Doce e propietario de Casa Estilo, Alberto Rodríguez, e os tamén mestres reposteiros da Tahona, a primeira empresa da comarca melidá en lucir o distintivo de Galicia Calidade.

Á parte do nome do pregoiero, Dalia García desvelou tamén os oito persoeiros aos que o Concello de Melide nomeará embaixadores da festa: o actor Marcos Pereiro, coñecido por integrar xunto a Xosé Antonio Touriñán o dúo cómico As Cantareiras de Ardebullo; a reposteira e instagramer Isabel Pérez de Aliter Dulcia; o triatleta gañador de tres copas do mundo Uxío Abuín; o xornalista gastronómico Jorge Guitián; a directiva de Aceites Abril Elena Pérez Canal; os chefs María Varela, de A Parada das Bestas, e Miguel Ángel Liboreiro, de O Tobo do Lobo; e Manuel Hermo, director do CIFP Carlos Oroza.

Asimesmo, a alcaldesa subliñou que a cita na que se enxalzan os doces típicos melidaos -melindres, ricos e amendoados- contará tamén cun amplo programa lúdico no que destacan as actuacións musicais de Claudio Spadi, a banda tributo a Sabina La Pénultima, Gin Toni’s, a Banda de Música de Arzua, as charangas Ardores e Santa Compaña e, como broche de ouro da festa, o grupo folk Milladoiro. Os máis cativos da familia, pola súa parte, poderán gozar do espectáculo Radio Bule Bule de Paco Nogueiras.

Coffee Tour e campaña de doazón de sangue

Trala presentación, o Casino de Santiago acolleu a primera cita do Coffe Tour da Festa do Melindre, iniciativa de promoción da festa que percorrerá varios dos principais cafés históricos de Galicia repartindo melindres, ricos e amendoados como petisco entre os seus clientes. A ruta continuará o 29 de abril no Café Moderno de Pontevedra, o día 30 na cafetería La Dársena de A Coruña, o 1 de maio no Café del Centro de Lugo, o día 2 en La Coruñesa de Ourense e rematará o venres 3 de maio no café De Catro a Catro de Vigo.

Por outro lado, a Festa do Melindre e o Centro de Transfusións de Galicia renovan un ano máis a súa xa tradicional colaboración cunha campaña solidaria que recompensará a todos os que se acheguen a doar sangue en Melide, A Coruña, Pontevedra e Santiago os días 26 e 27 de abril cun doce típico melidá de agasallo.

Comparte...