Padrón rende homenaxe á lamprea

Padrón rende homenaxe á lamprea

As Xornadas Gastronómicas “Padrón, Sabor a Lamprea” celebran a súa terceira edición os días 1011,12 e 171819 de marzo, dúas fins de semana nas que diversos restaurantes da vila ofrecerán menús especiais e se programarán diversas actividades. O obxectivo deste evento gastronómico, organizado polo Concello de Padrón, é poñer en valor e dar a coñecer este recurso desde o punto de  vista culinario, pero tamén para salientar o seu grande valor cultural, patrimonial e a súa vinculación co territorio.

A cita gastronómica será unha nova oportunidade para degustar as propostas da hostalería padronesa arredor deste peixe, capturado nas pesqueiras de Herbón. Os menús terán un prezo de 25 euros por persoa e os establecementos participantes son: O SecretoChef RiveraParrillada FlaviaRestaurante ScalaCasa FarrucánA Casa dos MartínezO AlpendreCafetería H2O e o Restaurante Gaia.

Ademais das degustacións, esta nova edición das Xornadas Gastronómicas inclúe actividades educativas, culturais e de lecer relacionadas co mundo da lamprea e a súa cultura.

Unha conferencia para abrir a programación

O Auditorio de Padrón acollerá o venres 10 de marzo a conferencia titulada A Lamprea, unha xoia da gastronomía galega, na que 5 relatores debaterán sobre este produto e o seu potencial desde distintos puntos de vista: Xosé Antonio Rivera (Chef Rivera), Benigno Campos (do programa Larpeiros da TVG), Miguel Vila (escritor, crítico gastronómico e director desta revista), Javi Mos (do ámbito das redes sociais) e Juan Carlos Alonso (do blog Gastronomía en Verso). A mesa redonda estará moderada polo escritor e xornalista Miguel Piñeiro e se celebrará a partir das 20.00 horas, con entrada libre.

Outras actividades

O sábado 11 de marzo, a partir das 9 da mañá, está previsto o inicio dun roteiro a pé, A Pedronía, por un dos camiños sagrados entre Padrón e Santiago, por onde, segundo a lenda da Raíña Lupa, foi o corpo do apóstolo Santiago ata Compostela. A saída será desde a Praza do Obradoiro. Esta actividade inclúe a visita ao Pazo do Faramello. O prezo deste roteiro é de 19,50 € por persoa e requísese un grupo mínimo de 12 persoas.

O domingo 12 de marzo, ás 10 da mañá, terá lugar a Ruta da lamprea do río Ulla, que inclúe a visita ás zonas de captura da lamprea (pesqueiras de Herbón e Porto de Pontecesures), visita guiada ao Convento de Herbón cos Franciscanos, aperitivo de lamprea, guía e transporte en autobús. O prezo deste roteiro é de 18€ por persoa.

O sábado 18 de marzo ás 09.45 horas da mañá, farase outra Ruta da lamprea do río Ulla, pero máis ampla. Esta actividade inclúe, ademais da visita ás zonas de captura da lamprea (pesqueiras de Herbón e Porto de Pontecesures) e a visita guiada ao Convento de Herbón cos Franciscanos, a visita ao Pazo do Faramello, comida con menú degustación de lamprea, guía e transporte en autobús. O prezo é de 77€ por persoa.

Ese mesmo sábado 18 de marzo pola tarde, ás 17.00 horas, haberá un Curso de cociña de lamprea con Manuel Garea. As prazas para asistir a esta actividade son limitadas. O curso é de balde previa inscrición na Oficina de Turismo de Padrón.

A organización da III Festa da Lamprea tamén propón un Especial escapadas con aloxamento de 1 noite en Padrón desde 99,00 €. Serán dous días de visitas, nos que os asistentes visitarán o Pazo do Faramello e farán unha excursión de medio día para coñecer o trazado da lamprea, desde que se captura (visitando dúas zonas diferentes en Padrón e Pontecesures) ata que está na mesa. Esta escapada inclúe un aperitivo con lamprea e un menú degustación. Inclúese tamén unha visita cos Pais Franciscanos polo seu Mosteiro de San Antonio de Herbón. Padrón é terra de literatos por iso tamén está programada a visita á Fundación do Nobel Camilo José Cela.

Durante todo o mes de marzo, ademais, realizaranse distintas actividades divulgativas sobre a lamprea nos centros escolares.

Comparte...