Paquetes turísticos para gozar da experiencia completa de Xantar en Ourense

Paquetes turísticos para gozar da experiencia completa de Xantar en Ourense

Co obxectivo de dinamizar o turismo interno e de proximidade a través da gastronomía, a nova edición de Xantar 2016, o Salón Internacional de Turismo Gastronómico que se celebra en Expourense  entre o 3 e o 7 de febreiro puxo en marcha a comercialización dun paquete turístico que inclúe aloxamento, entrada na feira e comida ou cea nun dos seus restaurantes. Desde un prezo de 69 euros, esta aposta pretende estimular ao público final para que se achegue a visitar Ourense e Galicia atraído por un dos seus puntos fortes, a gastronomía.

O paquete turístico, que está comercializado a través da organización (info@xantar.org ou 988 36 60 30) ou do operador Yu Travel, inclúe aloxamento en réxime de A.D. en hotel 4* no centro de Ourense (69 euros) ou nun hotel balneario de 4* situado na Ribeira Sacra (75 euros o paquete). Este paquete ofrece a posibilidade de só, en parella, en familia ou con amigos, desprazarse até Ourense para descubrir aquí o mellor da gastronomía galega, de Portugal e do país invitado, México.

De feito este país acolleu recentemente a presentación da feira, en concreto o Estado de Morelos que representará a México como país convidado a través dunha ampla delegación que se desprazará até Expourense con motivo da feira. Segundo a organización, esta presenza facilitará novas oportunidades de negocio e relacións comerciais entre Galicia, España e México no sector da alimentación.

Durante os días en que se celebre Xantar, Morelos ofrecerá no seu restaurante un menú por un importe de 25 euros que estará a cargo de oito chefs mexicanos dalgúns dos mellores establecementos hostaleiros do estado. A proposta está composta por diversos pratos que representan a tradición mexcana pero elaborados con técnicas vangardistas e maridados cos viños do D.O Ribeiro. Ademais, os chefs presentes para a ocasión en Ourense tamén realizarán varios showcookings sobre cociña mexicana.

Outras opcións paquetizadas

Xantar tamén mantén outros paquetes como o do Tren AVANT, que ten o obxectivo de convidar os habitantes da provincia da Coruña a achegarse até Ourense para gozar dunha xornada gastronómico-termal durante o fin de semana do salón, é dicir, os días 6 e 7 de febreiro. Este Paquete Tren inclúe viaxe de ida e volta no AVANT até Ourense desde A Coruña ou desde Santiago, recollida na estación, visita guiada á ribeira termal do Miño con baño opcional, entrada ao recinto de Expourense, almorzo nun dos restaurantes de Xantar, participación nas distintas actividades do salón, visita ás Burgas e ao centro histórico de Ourense e traslado até a estación para o regreso á cidade de orixe. Todo isto por 60 euros desde A Coruña e por 50 desde Santiago.

Este paquete pódese reservar para o fin de semana do 8 e 9 de febreiro a través da web www.xantar.org ou do tfno. 988 36 60 30.Ademais pode obterse un 35% de desconto en RENFE desde calquera punto de España para aquelas persoas que visiten a feira. Tamén se crearon paquetes especiais para promover a participación de profesionais ou futuros profesionais como é o caso dos enviados ás escolas de hostalaría de España e Portugal ou ás confrarías gastronómicas e do viño.

paquete Xantar 2016

Comparte...