Pazo de Rubianes levou a Medalla de Ouro na Cata Concurso Rías Baixas da Festa do Albariño

Pazo de Rubianes levou a Medalla de Ouro na Cata Concurso Rías Baixas da Festa do Albariño

Cambados celebrou este fin de semana a  LXVI Festa do Albariño e volveu encherse de locais e visitantes que buscaban gozar deste viño nun dos eventos  enoturísticos máis importantes de Galicia.

Un dos momento álxidos da  Festa do Albariño foi, como vén sendo habitual, a Cata Concurso Rías Baixas, que este ano celebraba a súa edición número 30. Pazo de  Rubianes, de Vilagarcía, levou a Medalla de Ouro do concurso, ao que se presentaron un total de 58 marcas. A Medalla de Prata foi para La Trucha (Crecente) e a Medalla de Bronce para Abadía de San Campio (O Rosal). As 58 mostras presentadas ao concurso foron analizadas por un panel interno do Consello Regulador (formado por 21 expertos) e un panel externo. Aínda que só houbo tres premiados, os catadores destacaron “a calidade da anada 2017 e dos viños presentados ao concurso”.

Outra das actividades en torno ao viño foi o Túnel do Viño que organizou o Consello Regulador da D.O. Rías Baixas. No Salón de Congresos e Exposicións José Peña de Cambados celebrouse entre o xoves 2 e o domingo 5 o Túnel de Viño, no que participaron máis de 160 marcas de 60 adegas diferentes. Trátase dunha actividade que, en palabras de Eva  Mínguez, do Departamento de Márketing, ten unha resposta moi positiva e na que “o perfil do público asistente engloba a amantes do viño e cada vez é máis profesional”. Tanto o VIII Túnel do Viño como as 12 Catas Temáticas son espazos de degustación máis tranquilos para catar diferentes variedades e nos que ademais o público puido contar co asesoramento dun catador profesional.

Como cada ano, durante os actos do Capítulo  Serenísimo foron nomeadas as novas Damas e Cabaleiros do Albariño entre os que se atopaban a escritora  brasileira de orixe  galega,  Nélida Piñón (premio Príncipe de Asturias de Literatura) e o popular presentador Roberto Vilar.  Ademais  tamén  foron  nomeados José Luis Bonet, Carlos Carrión e José Faro Rúa.

A festa estivo ademais e como sempre a pé de rúa, nas casetas das distintas adegas participantes, nas que os asistentes puideron catar os distintos albariños durante un fin de semana no que ademais se realizaban os últimos trámites para que a  Festa do Albariño de Cambados sexa declarada Festa de Interese Turístico Internacional.

Comparte...