Pepe Solla abre Taberna Atlántico en Madrid en outubro

Pepe Solla abre Taberna Atlántico en Madrid en outubro

“Prepárate Madrid, que aí vai Galicia enteira”, tuiteabamos o pasado 9 de setembro e hoxe podemos descubrir o porqué daquela afirmación: en outubro abrirá as súas portas a Taberna Atlántico Pepe Solla, emprazada na rúa Velázquez 31, case esquina a Goya, no local que hoxe ocupa Sky Madrid.

A taberna, dirixida por Pepe Solla, ofrecerá os mellores produtos de Galicia cociñados coa mestría do chef de Poio por un equipo formado en casa Solla, cun formato de taberna tradicional: barra, mesa grande para compartir ao estilo das pulperías galegas e mesas pequenas individuais. O obxectivo é que a conta non supere os 30 ou 35 euros, bebidas aparte.

Solla chega a Madrid asociado coa Compañía del Trópico, o maior grupo gastronómico de España, e a súa aposta polo novo local é absoluta. “Algúns pratos que estabamos a servir en casa Solla van desaparecer alí para trasladalos a Madrid e darlles un aire novo”, asegurou o cociñeiro a BenBo. “Queremos traer Galicia e o Atlántico a Madrid, os nosos mellores produtos, peixes, mariscos, que sexa unha taberna gastronómica pero informal”. En canto á adega, os viños galegos serán a estrela, aínda que non serán os únicos. “Se temos trinta referencias, vinte e tres ou vinte e cinco van ser viños galegos, pero procuraremos traer viños moi seleccionados, novas propostas”.

Antes da apertura, prevista para a segunda quincena de outubro, van realizar obras no local, redecorándoo para darlle un aspecto atlántico, aínda que conservando a estrutura actual do mesmo, na que destacan os teitos altos acristalados.

O noso océano xa está presente en Madrid coa militancia atlántica de Alabaster, o restaurante do grupo Alborada que capitanea Iván Domínguez e que está triunfando entre o público madrileño, como tamén o fai o carballinés Manuel Domínguez co seu restaurante Lúa. E nun tempo breve tamén abrirá as súas portas a Barra Atlántica madrileña, baixo a batuta de Iago Pazos e Marcos Cerqueiro de Abastos 2.0.

Para acabar de completar o panorama, en 2016 Javier Olleros capitaneará durante un mes o proxecto The Tablet, no hotel Urso.

A conquista de Madrid está en marcha. Co prestixio que alí teñen os nosos produtos e coa categoría dos cociñeiros que están apostando pola capital do estado o éxito é seguro.

Comparte...