Máis de 500 persoas brindan en Cambados para apoiar os viños con Denominación de Orixe

Máis de 500 persoas brindan en Cambados para apoiar os viños con Denominación de Orixe

Máis de cincocentas persoas alzaron as súas copas no brinde colectivo con motivo do primeiro Día Movemento Viño D.O. O acto desenvolveuse na Praza do Concello de Cambados, Cidade Europea do Viño 2017, e estivo amenizado polo grupo La Casa de los Ingleses.

En primeiro lugar, o sumiller cambadés, José Luis Aragunde, leu o Manifesto Movemento Viño D.O. A través del, todos os asistentes se convertiron en embaixadores dos viños con Denominación de Orixe. O momento máis importante estivo protagonizado polo brinde colectivo que dirixiu o presidente do Consello Regulador Rías Baixas, Juan Gil de Araujo. Os máis de 500 asistentes alzaron conxuntamente as sús copas, realizando o xesto Movemento Vño D.O. (xirando a copa para que o viño se exprese). Gil de Araujo valorou positivamente a acollida de Cambados: “Xornadas coma a do Día Movemento Viño D.O permítenos promocionar entre os consumidores a calidade dos nosos produtos. Espero que este sexa o primeiro de moitos brindes colectivos”, explicou.

Non quixeron faltar a este acto a alcaldesa de Cambados, Fátima Abal, e o concelleiro de Enoturismo, José Ramón Abal. Agradeceron ao Consello Regulador que escollesen a capital cambadesa para desenvolver un acto tan importante como este, especialmente nun ano que Cambados é a Cidade Europea do Viño”. Tamén participou no acto a xefa de área de Pontevedra da Axencia Galega de Turismo,  Mª Ángeles Herrero.

Sobre Movemento Viño D.O.

Movemento Viño DO é unha iniciativa impulsada pola Conferencia Española de Consejos Reguladores Vitivinícolas (CECRV), que integra 52 Denominacións de Orixe de viño españolas. Concebida como porta de entrada de novos consumidores, especialmente os máis novos, ofrece contidos de elaboración propia cunha linguaxe fresca, directa, visual e desde a óptica do goce, a través da plataforma web e nos perfiles das redes socias, logrando unha interacción continuada e en ascenso entre apaixoados e non apaixoados do viño.

Comparte...