Concurso de postres sin gluten de A Curtidoría. Los concursantes y sus propuestas

Sobremesas sen glute no Día Nacional do Celíaco

Doce propostas participaron nol concurso de sobremesas sen glute de A Curtidoría (Santiago de Compostela), que foi gañado por  María Isabel Carneiro con Fusión de flan de queixo e torta de améndoa. Na foto, os participantes e as súas propostas

Cada ano o 27 de maio celébrase o Día Nacional do Celíaco, que debería servir para que a sociedade, e de maneira moi especial os implicados no mundo da alimentación, entre os que está o sector hostaleiro, reflexionasen sobre a importancia que para moita xente ten unha correcta atención ao mundo das alerxias e as intolerancias. Non se trata dun problema exclusivo dos celíacos, senón tamén dos alérxicos á proteína do leite ou ao ovo, intolerantes á lactosa, froitos secos, etc. Situacións no que o risco sanitario é moi alto e pode acadar incluso a morte dos afectados.

Fronte á realidade dun número cada vez maior de casos diagnosticados, unha parte do sector hostaleiro oponse á normativa que obriga a avisar da presenza de alérxenos na súa oferta mentres outros, polo momento minoritarios pero cada vez máis numerosos, fan o posible por presentar unha oferta atractiva e saudable para estes colectivos, que de inmediato acostuman a converterse en clientes fieis. Clientes que arrastran a outros. As persoas con alerxias e intolerancias levan a eses restaurantes adaptados ás súas familias, amigos, compañeiros de traballo sensibilizados coa súa doenza, de maneira que cada menú adaptado que se serve vai acompañado de outros para persoas sen alerxia ou intolerancia.

Resulta doloroso comprobar que os grandes logros das asociacións de celíacos estean vinculados a multinacionais do sector das hamburgesas, a pizza ou a comida tex-mex, antes que á oferta local, pero é a realidade.

Claro que non toda a hostalería local se despreocupa destes colectivos. Restaurantes e bares de toda Galicia, cada vez máis, están sensibilizados e abertos a establecer unha oferta adaptada. Demostrouno, por exemplo, Héctor López, que fixo accesible o seu restaurante España de Lugo, ás convidadas de BenBo para a entrevista publicada na sección Mesa e mantel. Unha afectada por celiaquía e outra con graves problemas de mobilidade puideron compartir mesa no España e probar as especialidades de Héctor sen ningún problema pero con moito deleite e satisfacción.

E por segundo ano consecutivo demostrouno A Curtidoría (Santiago de Compostela), que celebrou o concurso de sobremesas sen glute, ao que se presentaron un total de doce propostas elaboradas fundamentalmente por afeccionadas á repostería, pero entre as cales tamén houbo propostas de profesionais. Cabe salientar que entre as participantes había persoas que nin son celíacas nin teñen familiares coa doenza.

Resultou gañadora do concurso a sobremesa Fusión de flan de queixo e torta de améndoa, de María Isabel Carneiro, e en segundo lugar Lemon bars con glaseado de froitos vermellos, de Sandra Novo.

O número de participantes no concurso incrementouse nun cincuenta por cento respecto da primeira edición, con propostas como tarta Sacher; panacotta; pastel de queixo e chocolate; torta de queixo con arandos; freeze fresian vulcano (coulant e xeado); trifle, torta de chocolate con lima e amorodos; plátanos con merengue; cúpula de mousse de chocolate con Nutella, crema pasteleira, e cereixas e lemon pie. Unha demostración de que son moitas as posibilidades que se abren para este colectivo, e todo supervisado pola asociación galega de celíacos.

Concurso de postres sin gluten de A Curtidoría

Concurso de postres sin gluten de A Curtidoría

Comparte...