Cinco finalistas para o Premio Incitus 2016

Cinco finalistas para o Premio Incitus 2016

Os finalistas do Premio Incitus 2016 son Coffee Scuderia, ArtTech Bar, O Vinopé, A Casa da Ponte e Pracer

O Premio Incitus é unha proposta nada en 2015 que quere dinamizar a hostalaría galega a través dun galardón que apoia a posta en marcha de modelos de negocio “baseados na innovación e a creatividade, cunha imaxe de marca sólida e un punto de venda con personalidade propia e diferenciado como ferramentas que garantirán o éxito do negocio”.

Na súa segunda edición, a deste 2016, seleccionáronse cinco propostas finalistas distintas: Coffee Scuderia, ArtTech Bar, O Vinopé, A Casa da Ponte e Pracer. Desde o 19 de setembro, someteranse a un programa formativo con mentor, de tres meses de duración, no Centro Superior de Hostelería de Galicia (CSHG)

Son, respectivamente, unha cafetería centrada no icónico mundo de marcas de coches como os Ferrari, Lamborghini e Porsche; un restaurante que complementa novidades tecnolóxicas e culinarias; unha gastrotaberna na Ría de Arousa; un hotel rural que destaca polo seu emprazamento nunha contorna natural; e unha barra de cociña cun toque de Rock & Roll.

Previamente, a organización deste Premio Incitus puxo en marcha unhas xornadas nas que distintas autoridades do sector hostaleiro galego botaron unha man aos diferentes candidatos a conformaren un modelo estratéxico da súa proposta de negocio utilizando o método Canvas

O gañador coñecerase xa en febreiro de 2017. Os seus promotores anuncian que teñen a intención de promover distintas actividades como obradoiros, relatorios ou charlas formativas.

Estrella Galicia, Cash Record, Cosentino, Cafés Candelas e La Caixa son os patrocinadores desta segunda edición de Incitus.

Comparte...