Os Premios Galicia Alimentación 2018 reconoñecen o traballo de Conservas Portomar, Cafés Candelas e Quescrem

Os Premios Galicia Alimentación 2018 reconoñecen o traballo de Conservas Portomar, Cafés Candelas e Quescrem

O Clúster Alimentario de Galicia acaba de facer oficiais as tres empresas premiadas nos IV Premios Galicia Alimentación 2018. Cafés Candelas, pola súa iniciativa de proxección internacional;  Quescrem, pola súa promoción dos produtos galegos no exterior e Conservas  Portomar, que destaca pola súa innovación ao comercializar en conserva o abalón, foron os elixidos desta edición.

Conservas  Portomar,  Quescrem e Cafés Candelas foron escollidas entre un total de 56 candidaturas presentadas para a cuarta edición dos Premios Galicia Alimentación, que se celebrarán o vindeiro xoves 14 de xuño.

O ‘Premio Galicia Alimentación ao produto innovador 2018’ foi para Conservas Portomar, pola súa aposta polo abalón, considerado como marisco máis caro do mundo e que tarda entre 4 e 6 anos en cultivarse. O xurado premiou a aposta de Portomar por este produto que “contribúe á proxección internacional de Galicia xa que é especialmente valorado en países como Xapón, China e Corea”.

Cafés Candelas, pola súa banda, recibiu o ‘Premio Galicia Alimentación ao proxecto empresarial 2018’. A que é unha das principais marcas de café na hostalería a nivel nacional e que conta con máis de 45 anos de historia foi recoñecida polos seus valores, estratexia e  vocación de internacionalización. Valórase así, segundo o propio Clúster de Alimentación, “a singularidade do seu modelo de negocio e a súa aposta polos produtos e servizos innovadores”.

O ‘Premio Galicia Alimentación á estratexia de mercado e internacionalización 2018’ foi para a lucense Quescrem, pola súa aposta pola innovación e tecnoloxía, que a levou a que, en apenas 12 anos, teña presenza en máis de 40 países dos cinco continentes. O premio recoñece a súa “indubidable contribución á promoción da calidade e a imaxe dos produtos galegos, que actuaron como embaixadores de Galicia no exterior”.

A cerimonia de entrega de premios será o vindeiro xoves 14 de xuño no Gaiás de Santiago, coincidindo coa celebración do III Foro Galicia Alimentación 2018.

Comparte...