OLYMPUS DIGITAL CAMERA

A “A Ribeira Sacra. Guía práctica” volve na súa versión actualizada

A nova versión actualizada de “A Ribeira Sacra. Guía práctica”, da que é autor o historiador Manuel Garrido Rivero, foi presentada o sábado 16 de decembro na Adega Vía Romana, acto que contou ademais do autor, co xerente da adega, que interveu como anfitrión e co Alcalde de Chantada, Manuel Lorenzo.

A Guía, publicada por Edicións Xerais, experimentou unha actualización na que se amplía a información considerablemente. Desde a súa primeira aparición en 2008, “A Ribeira Sacra. Guía práctica”, converteuse nun instrumento imprescindible para turistas e viaxeiros que desexan coñecer esta ampla zona de Galicia. Ademais de datos básicos sobre a zona, a publicación inclúe rutas de sendeirismo de baixa dificultade, con indicacións sobre a historia, arte e patrimonio da rexión. Esta edición, o libro divídese en once etapas que percorren todo o territorio da Ribeira Sacra sempre tendo como referencia os ríos Sil e Miño.

Manuel Garrido, autor da publicación, explicou na súa presentación que “con esta Guía preténdese que ninguén se perda na Ribeira Sacra“, e destacou a alta gastronomía da zona así como o profundo cambio que experimentou a elaboración dos viños actuais. Juan Luís Méndez, xerente da adega Vía Romana, enalteceu esta obra que a considerou “moi necesaria para seguir promocionando a zona, polo valor engadido que ten para o turismo”.

Pola súa banda, o alcalde de Chantada Manuel Lorenzo, destacou a importancia capital desta guía e do traballo realizado polo historiador Manuel Garrido; á vez que felicitou a Juan Luís Méndez por poñer en valor a viticultura tan arraigada na Ribeira Sacra co turismo e a cultura. Tamén sinalou a Juan Luís como o empresario máis emprendedor de Chantada polo lanzamento da adega anfitrioa da presentación, que describiu como “un orgullo da Ribeira Sacra, asentada sobre un antigo lagar do século XVI”.

Comparte...