CIFP Compostela

Prestixiosos chefs falarán do éxito dos seus negocios no CIFP Compostela

Sergi Arola, Pepe Vieira, Iago Pazos e Marcos Cerqueiro serán os protagonistas, o vindeiro martes 30 de maio, da conferencia organizada polo CIFP Compostela sobre “O éxito empresarial en restauración. A figura do chef emprendedor”. O centro de Lamas de Abade, que este ano celebra o seu 50 aniversario formando a profesionais do sector da hostalería, pecha con esta conferencia o seu calendario de actividades previo á época estival e que retomará tras o verán, nos meses de outubro e novembro.

Así, estes 4 chefs de renome, tanto no panorama nacional como internacional, analizarán durante unhas dúas horas as claves do éxito dos seus respectivos modelos de empresa: Sergi Arola, primeiro cociñeiro en recibir dúas estrelas Michelin na mesma edición da guía, falará sobre “a Marca persoal en restauración”; Pepe Vieira, de Pepe Vieira & Ultramar, tratará o tema “Dos fogóns ao Excel: Ese camiño infernal. Os 7 motivos polos que non deberías montar un restaurante”; e Iago Pazos e Marcos Cerqueiro, os mozos emprendedores de Abastos 2.0, explicarán como a localización do seu negocio en Santiago converteuse nunha das claves do seu éxito.

Debido ao aforamento limitado do salón de actos do centro, os interesados en acudir a esta conferencia deberán inscribirse previamente na páxina web habilitada pola escola para o seu 50 aniversario http://50cifpcompostela.com/gl/, onde tamén se pode consultar o programa completo de eventos. Todas as actividades son de carácter gratuito.

Comparte...