Xa no mercado as primeiras cervexas galegas de grelos e de trompeta dos mortos

Xa no mercado as primeiras cervexas galegas de grelos e de trompeta dos mortos

A empresa de Vilalba Champivil-Castelo ven de poñer no mercado dúas novas cervexas. Trátase das primeiras cervexas de grelos de Lugo e do cogomelo trompeta dos mortos. As novas bebidas foron presentadas na Praza de Abastos de Santiago de Compostela coincidindo coa celebración do Día das Letras Galegas.  

Trátase de dúas cervexas artesás, unha gama rubia e outra negra, froito da colaboración da empresa chairega co artesán cervexeiro galego Pablo Casanova, Paterpaul, o primeiro en lograr en Galicia, no ano 2005, un rexistro sanitario para comercializar cervexa artesá. É unha edición gourmet exclusiva que estará dispoñible en dous formatos, de 33 e 75 cl., e que poderá adquirirse a través do facebook da compañía vilalbesa. 

A responsable da empesa, Luz Divina Castelo, explicou que este novo produto segue a liña de traballo dos últimos anos da firma luguesa, especializada na transformación de produtos autóctonos naturais e que lidera o envasado de grelos e de setas en Galicia. “Champivil-Castelo sempre se caracterizou por dúas cousas: mimar o produto galego e innovar na súa comercialización”, como destacou Luz Divina. A empresa vilalbesa foi pioneira en sacar ao mercado grelos e estrugas enlatadas e conta cunha ampla variedade de conservas que van desde as marmeladas de froitos silvestres ás setas ou os preparados de caldo ou tortilla de patacas.

O proceso de elaboración tanto da cervexa rubia de grelos como da cervexa negra de trompeta dos mortos é totalmente natural e artesán e leva dous meses e medio. Os ingredientes son auga de fonte, malta de cebada, lúpulos nobres suaves para que predomine o aroma do grelo e e da seta e levaduras de cervexa neutras tamén con ese obxectivo. O cociñeiro da bebida destacou que para a súa fabricación úsase unha porcentaxe de malta de cebada 100% moi superior á empregada nas cervexas industriais (30 quilos de malta por cada 100 litros de auga neste caso fronte aos só 8 das cervexas industriais). “Outra diferenza fundamental é que esta cervexa non leva ningún tipo de produto químico nin ningún engadido, é totalmente natural e artesá e mesmo o gas que ten prodúceo a propia cervexa grazas a unha segunda fermentación en botella que dura entre 25 e 35 días”, explicou Paterpaul.   

A primeira Guinness galega

A gama negra de trompeta dos mortos é unha cervexa de estilo irlandés á que no último momento da cocción se lle engade a infusión desta seta, habitual nos montes galegos, para que conserve así os aromas e a cor escura característica da trompeta dos mortos. O resultado é unha cervexa contundente e de escuma máis densa que na cata recorda o aroma a monte e a humidade. 

A súa irmá, a cervexa de grelos é unha cervexa rubia á que se engaden na cocción grelos da Terra Chá que soltan o seu sabor e color á mestura. O resultado é unha cervexa clara cun matiz verdoso e percíbese ao degustala o amargor do grelo. É unha cervexa refrescante pensada para a primavera e o verán. 

Trátase nos dous casos dun produto gourmet de produción limitada pero cun prezo asequible “para que todo o mundo a poida probar”, indicou Luz Divina. A primeira fornada das dúas variedades xa está no mercado e pode adquirirse a través do facebook de Champivil-Castelo. “Fixémolo así porque queremos que os produtos galegos se espallen e cheguen máis alá das nosas fronteiras e as redes sociais son un medio idóneo para iso”, explicou a responsable da empresa, que irá producindo a cervexa en función da demanda, en lotes pequenos, para que non se almacene durante moito tempo e non se faga vella, outro valor engadido con respecto ás cervexas de produción industrial. 

Kit para fabricación caseira

Ademais das dúas cervexas, que se comercializarán ao prezo de 2,5 e 4,5 euros en dous formatos, de 33 e 75 cl. respectivamente, nunha botella tamén direrente, de estilo retro, que diferenza a cervexa que vai dentro e que evoca os inicios da fabricación desta bebida en España, a empresa vilalbesa tamén pon no mercado, ao prezo de 10 euros, un kit completo para a fabricación caseira da cervexa de trompeta dos mortos. 

Segundo explicou Paterpaul, o obxectivo é por unha banda “que os consumidores poidan comprobar que a cervexa de Castelo é totalmente natural” e por outra, “que poidan experimentar, dunha forma sinxela, o pracer de beber unha cervexa elaborada por eles mesmos”. O kit inclúe os ingredientes necesarios para fabricar 8 litros de cervexa (un quilo de malta de cebada e as cantidades necesarias de lúpulo, levadura de cervexa e trompeta dos mortos) e un artiluxio denominado air lock que fai de válvula durante a fermentación mediante un sistema de cribado por auga que deixa saír o gas pero non deixa entrar o osíxeno. 

Comparte...