Primeiro curso básico de apicultura en A Cañiza os días 7 e 8 de abril

Primeiro curso básico de apicultura en A Cañiza os días 7 e 8 de abril

A Asociación Galega de Apicultura AGA, comeza o seu programa de formación esta primavera cun curso básico de apicultura en A Cañiza, os días 7 e 8 de abril

Como todos os anos, a Asociación Galega de Apicultura pon en marcha na primavera un amplo programa de formación apícola, que inclúe xornadas e cursos por toda a xeografía galega.  O programa está estruturado en tres grandes bloques: cursos básicos, de especialización e formación das delegacións comarcais.

O primeiro dos cursos básicos terá lugar no Concello de A Cañiza os días 7 e 8 de abril.

Este curso, de 12 horas de duración, inclúe unha parte teórica, na que se tratarán temas como a bioloxía das abellas  e o manexo das colmeas.

Tamén se informará sobre como coidar a saúde da colmea, entre outras cousas técnicas para facer fronte ó ataque do tártago asiático (Vespa velutina), sen que se vexa perxudicada a supervivencia das abellas e a súa produción. Falarase tamén sobre a apicultura como unha actividade multifuncional que aporta moitos beneficios, dende o seu valor medioambiental coa labor polinizadora das abellas ata a obtención dos seus saudables produtos.

A produción da colmea pode dirixirse ó autoconsumo pero tamén pode ter un fin profesional e destinar os produtos á venta comercial.  O curso tamén terá unha parte práctica, coa visita a un apiario.

Poden consultar o programa completo dos cursos e información sobre as inscricións na web de Apicultura Galega, ou no teléfono 981 508 142.

Comparte...