Primeira edición do Concurso de Polbeiras en San Froilán

Primeira edición do Concurso de Polbeiras en San Froilán

Aceites Abril, Álvaro Villasante do restaurante Paprica e a Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude lanzan a primeira convocatoria deste certame en Lugo.

A Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua de Lugo, Carmen Basadre, acompañada polo cociñeiro Álvaro Villasante do Restaurante Paprica, e por Isaac Prada, de Aceites Abril, presentaron hoxe o primeiro Concurso de Polbeiras que se enmarcará dentro do programa das Festas de San Froilán deste ano.

O evento terá lugar, o día 9 de outubro, no Mercado Municipal de Abastos, e en paralelo os cociñeiros Álvaro Villasante, do Restaurante Paprica, e Héctor López, do restaurante España, farán un “show cooking” ó mesmo tempo que traballan os participantes no concurso. Aceites Abril porá a disposición do certame as distintas variedades de aceite que produce para a confección dos pratos. A organización facilitará polbo das costas da Mariña, doado pola Asociación de Armadores de Burela ABSA.

Segundo Basadre “este concurso nace co obxectivo de incentivar e premiar os coñecementos e habilidades das polbeiras e polbeiros galegos que cociñan e serven polbo á feira. Tamén se trata de facer unha exaltación deste prato fundamental da gastronomía galega e que constitúe un dos grandes reclamos das festas de San Froilán”

No certame só poderán participar 6 profesionais especializados/as na cocción e en servir este produto, que desenvolvan a súa actividade no territorio de Galicia, e os interesados xa poden inscribirse dende hoxe ata o 22 de setembro. O gañador/a do 1º Concurso de Polbeiras/os San Froilán 2014 recibirá un premio dotado con 600 euros. O segundo premio consistirá nunha noite de aloxamento, almorzo e circuito termal no Balneario de Lugo. Todos os participantes recibirán un lote de produtos de Aceites Abril e diploma acreditativo.

En Galicia xa existen similares experiencias ó respecto con moi boa aceptación por parte do público e do sector, como o Concurso de Polbeiras do Fórum Gastronómico, que este ano celebrou a súa cuarta edición en A Coruña.

Máis información nas webs www.lugo.es e www.sanfroilan.info.

Comparte...