Primeira edición da Guía de Soles Repsol en Galicia

Primeira edición da Guía de Soles Repsol en Galicia

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, presentou en Santiago, xunto ao presidente da Real Academia de Gastronomía, Rafael Ansón, e a presidenta de Paradores, Ángeles Alarcó, a primeira edición da ‘Guía de Soles Repsol en Galicia’. Esta publicación online recolle os 24 establecementos galegos distinguidos con este selo outorgado pola Real Academia de Gastronomía e a Confraría da Boa Mesa, que estará dispoñible para descarga gratuíta na web de Turismo de Galicia en galego, castelán e inglés.

Segundo Nava Castro, na actualidade “as cociñeiras e cociñeiros galegos aproveitan toda esta materia prima e o coñecemento que achega a sabedoría popular para elaborar pratos onde se combina a tradición culinaria que se foi adquirindo de xeración en xeración durante décadas, con novas incorporacións que outorgan diferenciación e valor engadido ao feito de degustar un prato elaborado na nosa comunidade”.

A guía dedica unha reportaxe de dúas páxinas a cada un dos 24 establecementos con Sol Repsol, na que se inclúen cinco apartados: ‘Con nome propio’, unha breve descrición do xefe de cociña de cada local; ‘Nos fogóns’, con información dos produtos e a filosofía da cociña de cada establecemento; ‘Oído cociña’, sobre as técnicas persoais de cada xefe de cociña; ‘Como na casa’ e ‘Na sobremesa’, acerca das características propias de cada establecemento e as posibilidades turísticas da contorna de cada local gastronómico.

Comparte...