Cultivos ecológicos de O Fogar do Santiso

A metade da producción agroalimentaria galega podería ser ecolóxica, asegura o presidente de CRAEGA

“A metade da produción galega podería ser ecolóxica con so realizar pequenos cambios” dixo, referíndose á produción agroalimentaria, Xosé Antonio Fernández, presidente do Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia(Craega) nunha presentación realizada no Fogar do Santiso, un dos restaurantes galegos que máis aposta polo emprego de produtos ecolóxicos.

Fernández indicou que aproximadamente a metade da produción galega amparada polo consello regulador se consume en Galicia e a outra metade fóra da comunidade, inda que está aumentando o consumo interno e existe unha clara tendencia ao incremento do número de consumidores que son fieis a este tipo de produtos.

Galicia produce alimentos ecolóxicos amparados polo consello regulador por importe de preto de trinta millóns de euros anuais, existindo aproximadamente 15.000 hectáreas de terreos dedicados a estas producións.

O reparto por provincias resulta peculiar. Lugo comparte con Pontevedra o primeiro posto polo valor de ditas producións, xa que en Pontevedra dito valor supera os 11 millóns de euros ao ano e en Lugo aproximase a eles. A gran diferenza estriba en que mentres Lugo dispón de sete mil hectáreas dedicadas á produción ecolóxica, situándose á cabeza de Galicia, Pontevedra está na cola por superficie, con só mil hectáreas, as mesmas que A Coruña (1.100 hectáreas, cun valor de cinco millóns da produción coruñesa). Ourense situase en segundo lugar por superficie (seis mil hectáreas), pero é a provincia que menos valor aporta, con so tres millóns de euros.

As diferenzas explícanse polos distintos tipos de produtos amparados en cada provincia. Mentres en Pontevedra as conservas e os ovos teñen unha gran presenza entre os produtos amparados polo consello regulador, en Lugo son as castañas ou a sidra as que dominan o mercado, coa peculiaridade de que o 80 por cento das castañas ecolóxicas lucenses se exportan a países da Unión Europea, Suíza, Estados Unidos ou Xapón.

Na provincia da Coruña ten moita importancia o comercio de café ecolóxico, os xeados e os iogures e na de Ourense o sector ecolóxico está dominado polo gando vacún, con arredor de 1,2 unidades de gando maior por hectárea, o que xustifica a enorme diferenza entre a superficie e o valor da produción neste provincia.

Garantías

O consello regulador da Agricultura Ecolóxica garante que os produtos amparados polo mesmo foron producidos e elaborados baixo determinadas condicións que inclúen a ausencia de organismo modificados xenéticamente e de pesticidas, abonos químicos e aditivos, o que se traduce por unha parte en respecto polo medio ambiente e por outra no subministro de alimentos sans.

Ademais, o Craega traballa na actualidade no desenvolvemento dunha aplicación informática que permita ao consumidor, lendo a través do teléfono móbil o código que se incorpore á etiqueta, coñecer a pegada de carbono de cada produto ecolóxico amparado polo consello regulador. “Queremos dar esa información porque non é moi ecolóxico traer produtos ecolóxicos de Estados Unidos, por exemplo, co gasto enerxético que orixina” asegura Xavier García, secretario de Craega.

Fogar do Santiso

A presentación realizada polo Craega tivo lugar no Fogar do Santiso, restaurante emprazado no concello de Teo e no que a meirande parte dos alimentos que se empregan son de produción ecolóxica e procedentes das sete hectáreas de terreo que o restaurante ten dedicadas á produción de verduras e hortalizas amparadas polo Craega. As carnes, os viños, as fariñas coas que elaboran o seu propio pan ou a masa para as pizzas tamén son ecolóxicas, na meirande parte dos casos procedentes de explotacións galegas.

Alí o emprego de produtos ecolóxicos parece ser un dogma.

Comparte...