A ruta de tapas de Boqueixón arrinca o 30 de novembro

A ruta de tapas de Boqueixón arrinca o 30 de novembro

O derradeiro día de novembro arrincará no Concello de Boqueixón a sétima edición da Ruta de Tapas “Que rico estás Boqueixón”. Estas novas xornadas terán lugar nun total de seis establecementos hostaleiros, nos que se poderán degustar un total de nove pinchos durante os días 30 de novembro, 1, 2, 7, 8 e 9 de decembro.

A presentación desta cita tivo lugar na Cervexería O Vikingo, segundo clasificado na Ruta do ano pasado, e contou coa presencia do alcalde de Boqueixón, Manuel Fernández Munín, o presidente do Consello Regulador das Augardentes e Licores Tradicionais de Galicia, José Antonio Feijoó, e de representantes da hostalería de todo o municipio.

Os establecementos participantes son Bar Restaurante O Imprevisto, Bar A Barreira, Casa de Xantar Casa Castro, Restaurante Vente Vindo, Cervexería O Vikingo e Restaurante Vía da Prata. Todos eles estarán abertos ao público en horario de mediodía (12.00 a 15.00) e noite (20.00 a 22.30).

O rexedor boqueixanés salientou que “nesta ocasión se poderán degustar ata nove pinchos diferentes, tanto doces coma salgados”, todos eles a 2 euros. En todas estas propostas, “o público terá a oportunidade de comprobar o bo facer dos establecementos hostaleiros do municipio, a través da exaltación dos produtos da zona, como carnes e toda a horta de Boqueixón, que se combinarán coa incorporación entre os seus ingredientes das Augardentes e Licores Tradicionais de Galicia”, concluíu.

Sorteo con premios variados

Así mesmo, a VII Ruta de Tapas “Que rico estás Boqueixón” realizará un sorteo con premios variados. Desde un lote de botellas de viño e un lote de destilados galegos, até premios en metálico de 120 euros e un vale regalo pola mesma cantidade, para trocar por unha comida ou cea nun dos establecementos participantes. Para optar a todos estes premios, a clientela deberá cubrir, e entregar selados, os folletos de participación que se poderán recoller en cada un dos seis establecementos.

De todas as votacións do público participante sairán tamén as propostas vencedoras desta Ruta de Tapas. Así, nomearanse tres vencedores, co primeiro, segundo e terceiro posto, respectivamente.

Comparte...