O viño responsable centra a quinta edición da Emoción dos Viños

O viño responsable centra a quinta edición da Emoción dos Viños

Un total de 68 viticultores de España, Portugal, Francia e Italia danse cita o 27 e 28 de xuño en Tui nunha nova edición da Emoción dos Viños, o salón que se celebra en Tui orientado cara aos pequenos adegueiros. Unha vez máis a organización apostou por seleccionar e convidar os participantes no evento, logrando deste xeito que pequenas adegas, viticultores e elaboradores unidos por unha mesma filosofía de elaboración se de cita neste evento.

Nesta quinta edición A Emoción dos Viños céntrase na atención ao mundo do viño responsable nun evento destinado a dar visibilidade ao viño como principal protagonista e a uns elaboradores centrados en sacar o mellor de cepas autóctonas de baixa produción, en superficies complexas por orografía e espazo e no contexto da agricultura en Galicia.

Os protagonistas serán así viños de baixa produción, de Galicia e Portugal principalmente, do cinco denominacións de orixe galegas e de fóra delas. Todos eles cunha filosofía propia e profunda, enraizada na tradición e o respecto á viña e ao viño, tal e como concibiron os responsables orixinais desta actividade, Marina Cruces e Antonio Portela, dous apaixoados polo viño e polo mundo do pequeno elaborador comprometido coa súa viña.

Para quen desexe acudir, os prezos van dos 20 euros polo todo o fin de semana aos 15 euros para a xornada de sábado, ou os 10 euros pola mañá do domingo e as entradas poden adquirirse na porta do recinto.

Comparte...