Rafael Centeno e Yayo Daporta cociñarán no Spanish Extravaganza de Singapur

Rafael Centeno e Yayo Daporta cociñarán no Spanish Extravaganza de Singapur

Desde este xoves ata o próximo 3 de xuño, celébrase en Singapur o evento gastronómico Spanish  Extravaganza, pensado para levar os produtos españois a varios recunchos do mundo. No evento, ao que se espera que asistan máis de 6.000 persoas, os produtos galegos e algúns dos principais cociñeiros da nosa gastronomía terán un papel destacado.

Entre as principais actividades do evento estará a cociña dos chefs Rafa Centeno (do restaurante Maruja Limón) e  Yayo Daporta (do restaurante  Yayo Daporta), que elaborarán en directo un menú para 200 personalidades de Singapur. Os recoñecidos chefs elaborarán un menú de 6 pratos para os comensais mostrando o seu saber facer e a calidade dos produtos.

Outros dous cociñeiros galegos, Benigno Couso (Taberna Patouro) e Álvaro Villasante (restaurante  Paprica), elaborarán máis de 4000 tapas para que poidan degustar os asistentes. Esta degustación estará maridada con diferentes viños españois, incluídos os galegos, coa D.O. Rías Baixas. Ademais o chef Santi Almuiña (do restaurante Mesón Colón) preparará paellas valencianas acompañadas de sangría.

O Spanish  Extravaganza celebrarase no exclusivo Hotel Capella de seis estrelas e nel estarán presentes máis de 70 empresas que pretenden dar a coñecer os seus produtos nun lugar tan importante como Singapur, porta do mercado asiático.

O colofón final do evento será o vindeiro domingo 3 de xuño, cunha gran festa ao aire libre con distintas estacións de comida rexional e música en directo. As próximas paradas deste festival que leva itinerante desde 2015 serán  Kuala  Lumpur, Bangkok, Iacarta,  Taipei,  Delhi,  Shenzhen e Pequín.

Comparte...