RIAS BAIXAS CATA OS SEUS ESCUMOSOS QUE SAIRÁN Á VENDA ESTE NADAL

RIAS BAIXAS CATA OS SEUS ESCUMOSOS QUE SAIRÁN Á VENDA ESTE NADAL

Este Nadal poderase brindar con distintos escumosos galegos acollidos ás distintas denominacións de orixe, como xa informamos en BenBo. Aparte de Burbullas do Atlántico e Mar de Frades, que xa contan co respaldo da D.O., esta tamén podería amparar a Laxas e Burbullas de Baladiña (bodega Lagar de Besada), que xa estiveron no mercado en anos anteriores inda que sen contraetiqueta. Tamén está en marcha a produción dun espumoso en Rubiós, na subzona de O Condado.

Na D.O. Rías Baixas son sete as adegas que aspiran a sacar un escumoso para as festas e o seu panel de cata está inmerso nas catas dos aspirantes a levar a súa etiqueta, que comezaron a mediados de novembro e continuarán en decembro.

Unha das adegas aspira a sacar dúas marcas, unha para escumoso branco e outra para tinto.

O proceso para amparar “Rías Baixas Escumosos” pasa pola autorización do regulamento e máis o desenvolvemento da normativa a través do manual de calidade. A normativa aprobada polo Consello Regulador admite variedades brancas e tintas.

A etiqueta porá viño escumoso de calidade e o tipo, segundo o nivel de azucre: brut nature (sen azucre), extra brut, extraseco, seco, semiseco e doce (que leva máis azucre). A adega non ten a obriga de pór na etiqueta nin o ano nin as variedades de elaboración.

A elaboración de escumosos require un dobre control; o panel de cata do Consello deberá autorizar o viño base co que se elaborará o “Rías Baixas Escumoso” e, ao final do proceso, volverá examinar o produto final.

Os técnicos do Consello deberán controlar todo o proceso de elaboración, dende o control en vendima. Logo, a adega ten que declarar cal será a partida que designará para a elaboración de escumosos, seguidamente examinarase a elaboración do viño base con D.O. Rías Baixas a través das análises fisicoquímicas e organolépticas, así como o momento da tiraxe e máis o degüelle.

Comparte...