Rías Baixas gaña 36 galardóns nos Premios Bacchus

Rías Baixas gaña 36 galardóns nos Premios Bacchus

Os viños da denominación de orixe Rías Baixas obtiveron un total de 36 galardóns na decimoséptima edición do Concurso Internacional de Viños Bacchus, un dos certames máis prestixiosos do Estado que organiza a Unión Española de Catadores.

Un dos premios máis importante, denominado Gran Bacchus de Ouro e co que se galardoaron 23 etiquetas, recaeu en Pazo de Villarei 2018. Para logralo, houbo de superar unha puntuación de 92 puntos sobre 100.

Das 73 marcas presentadas por Rías Baixas, outros 17 viños foron galardoados cos Bacchus de Ouro e 18 máis cos Bacchus de prata. Na anterior edición, recibira 24 galardóns tras presentar 71 marcas.

Todos estes galardóns manteñen a Rías Baixas como a denominación de orixe galega máis recoñecida no certame e, ademais, hai que destacar que foi a terceira española con máis medallas só por detrás da Rioxa e Ribeira do Douro.

O presidente do Consello Regulador de Rías Baixas, Juan Gil de Araujo, asistiu á cea de gala do certame, que estivo protagonizada por trinta marcas da denominación de orixe.

Xurado internacional

As sesións de cata tiveron lugar entre os días 8 e 11 de marzo no Casino de Madrid. O xurado estivo composto por 84 catadores, entre os que se atopaban Masters of Wine, Masters Sommelier, catadores, responsables de compras de grandes superficies e importadoras e xornalistas especializados, con nomes propios da talla de Pedro Ballesteros MW, Sarah Jane Evans MW, Kathrine Larsen MS, Guillermo Cruz, Pierre Casamayor ou Rocío Amador.

En total, presentáronse ao certame un total de 1.650 viños procedentes de 18 países.

Deixamos enlace ao medalleiro.

Comparte...