Colleita 2014: “Moi boa” nos viños Monterrei e “Boa”, nos Rías Baixas

Colleita 2014: “Moi boa” nos viños Monterrei e “Boa”, nos Rías Baixas

Os Consellos Reguladores das denominacións de orixe de viño galegas Monterrei e Rías Baixas fixeron público o seu veredicto: a colleita 2014 recibe a cualificación de “Moi boa” no caso da Denominación Monterrei e “Boa”, na da Denominación Rías Baixas

A lexislación autonómica galega delega nos propios consellos reguladores a valoración das distintas anadas, un factor que pode facer dubidar da obxectividade do proceso

Monterrei repite a cualificación de “Moi Boa” que xa recibiu en 2012 e 2013, tras unha cata na que tomaron parte representantes de asociacións profesionais do sector e membros do Panel Oficial da Denominación de Orixe Monterrei. Nesa cata sometéronse a exame 19 mostras anónimas, 13 de viño branco e 6 de viño tinto.

No caso de Rías Baixas a nota “Boa” para os seus viños é inferior á dos anos precedentes, pois entre 2009 e 2013 as súas colleitas consideráronse como “Moi Boas”. O CRDO apunta no seu informe técnico que “as baixas temperaturas e as abundantes choivas condicionaron tanto a maduración da uva coma o seu equilibrio organoléptico“, e o seu Panel de Cata de Rías Baixas agarda que os viños melloren conformen pase o tempo en botella. A comunicación da nota realizouse en Madrid, e non na súa sede de Pontevedra.

Pola súa banda, o presidente do CRDO Rías Baixas Juan Gil de Araújo, nun acto promocional en Madrid, indicou que a cualificación da Colleita 2014 como “Boa” avala a política de calidade na súa Denominación, garantindo que as valoracións son o máis obxectivas posible.

Portal para acceder a base histórica da cualificación de colleitas españolas

Comparte...