Rías Baixas e Valdeorras, presentes na London Wine Fair 2016

Rías Baixas e Valdeorras, presentes na London Wine Fair 2016

As denominacións de orixe Rías Baixas e Valdeorras viaxan á London Wine Fair 2016 para presentar as súas marcas

Valdeorras levou dez adegas da comarca ourensá ata Reino Unido. Pola súa banda, Rías Baixas contou con 47 adegas e 82 marcas nunha das feiras sectoriais máis importantes de Europa.

Trátase da primeira visita á London Wine Fair que Francisco García Álvarez realiza como presidente do Consello Regulador da D.O. Valdeorras. Entre os obxectivos da participación da denominación nesta relevante feira, García Álvarez sinalou o de “abrir novas posibilidades de exportación para os brancos e tintos da zona” e tamén “favorecer a súa visibilidade”.

Por outra banda, Reino Unido é o segundo mercado de interese para os viños de Rías Baixas, ao que se exportaron un 35% máis de litros que en 2015. Con todo, dentro das actividades do consello regulador desta D.O., o devandito país xa conta cun plan de promoción propio. “Reino Unido é un mercado maduro que coñece e valora os viños de Rías Baixas. De feito a nosa presenza nel cada vez é maior”, asegurou a directora de Márketing da denominación, Eva Mínguez.

Dentro das actividades de Rías Baixas previstas para 2016 no Reino Unido, atópase un evento para a presentación da Anada 2015 en Londres, que terá lugar o próximo 14 de xuño. Tamén se contempla desenvolver no devandito mercado actividades de promoción tanto para profesionais do sector como para o consumidor final.

Comparte...