A D. O. Ribeira Sacra presentará os seus viños en “Xantar”

A D. O. Ribeira Sacra presentará os seus viños en “Xantar”

Os amantes do viño teñen unha cita en Ourense do 31 de xaneiro ao 4 de febreiro nunha edición na que se programou un Túnel do Viño, unha zona específica para os viños galegos, unha aula de catas e conferencias programadas pola Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia. Coa aposta firme por fomentar a cultura vitivinícola de Galicia, “Xantar 2018“, presenta un espazo reservado a profesionais da viticultura onde as adegas dos diferentes Consellos Reguladores como a D. O. Ribeira Sacra poidan dar a coñecer as súas últimas referencias.

A Ribeira Sacra no Túnel do Viño

O Túnel do Viño de “Xantar” contará coa presenza de seis adegas da Denominación de Orixe Ribeira Sacra que presentan doce viños. Trátase dun espazo que ten como obxectivo fomentar a cultura vitivinícola de Galicia e potenciar o consumo dos viños con Denominación de Orixe do territorio galego, servíndolle de escaparate. O Túnel contará coa presenza de 12 viños con D.Ou. Ribeira Sacra na que participarán seis adegas, tanto en variedades brancas como tintas.

O Túnel do viño de “Xantar” é un espazo que ten o obxectivo de potenciar o consumo do viño de calidade producido en Galicia entre os visitantes profesionais que cada ano chegan ata Expourense procedentes da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal, así como das comunidades limítrofes, ademais de contar coa participación de prensa especializada e bloggers gastronómicos de toda a Península Ibérica.

Viños de Galicia

“Viños de Galicia” é o espazo para que os Consellos Reguladores e as adegas galegas dean a degustar os seus viños e para que os visitantes poidan coñecer máis de preto as súas propiedades, fomentando a cultura vitivinícola entre novos consumidores e fidelizando aos habituais. Tamén se poderán degustar viño con D.Ou. Ribeira Sacra no stand da Consellería do Medio Rural, no da Deputación de Lugo e no do Consorcio de Turismo de Ribeira Sacra.

As conferencias para o sector vitivinícola serán levadas a cabo grazas á colaboración da Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia que desenvolverá no marco do Salón Internacional “Xantar 2018” as seguintes actividades:

XOVES, 1 DE FEBREIRO

18.30 a 20.30.- Taller: Defectos do Viño Tinto. Novos Procesos de Detección e Corrección.

20.30 a 21.30.- Cata comentada dos viños tintos premiados cos “ Acios de Ouro” nas Catas de Galicia 2017.

VENRES, 2 DE FEBREIRO

18.30 a 20.30.- Taller: Defectos do Viño Branco. Novos Procesos de Detección e Corrección.

20.30 a 21.30.- Cata comentada dos viños brancos premiados cos “ Acios de Ouro” nas Catas de Galicia 2017.

Comparte...