D.O. Ribeiro, obxectivo: Girona, Ávila e Avilés

D.O. Ribeiro, obxectivo: Girona, Ávila e Avilés

O Consello Regulador da Denominación de Orixe Ribeiro enceta o seu programa promocional en 2013. A vindeira semana protagonizará presentacións en Girona, Ávila e Avilés, nun intento de difundir o coñecemento da Denominación e promover o consumo dos seus viños.

Esta pequena “ruta” arrancará o martes 26 en Girona onde, coa Consellería do Medio Rural e do Mar, a Denominación de Orixe introducirá os seu viños ao público do Fórum Gastronómico. Farao da man de Xosé Cannas e Pepe Solla cun taller de achegamento aos produtos da gastronomía galega, a través de receitas harmonizadas con diferentes tipoloxías de viños da D.O. Ribeiro que analizará a periodista e sumiller Meritxell Falgueras.

O mércores, a cita será en Ávila na XVI Muestra Internacional del Vino y Productos de la Tierra, á que o Ribeiro acode convidado pola Universidad de Salamanca e a Asociación de Sumilleres de Ávila. Deste xeito, celebrarase unha presentación coloquio dos viños da D.O. Ribeiro incluída no curso de enoturismo promovido pola universidade, no que participarán representantes do Consello Regulador e membros da asociación de sumilleres abulense.

Para finalizar a semana, o Ribeiro será o viño oficial da gala da publicidade de Asturias Creasturias 2013. O Consello Regulador presentará o novo vídeo da denominación e ofrecerá a todos os asistentes un túnel do viño, que estará guiado polo sumiller asturiano Pepe Vega.

Comparte...