A D.O. Ribeiro brinda en homenaxe a Otero Pedrayo

A D.O. Ribeiro brinda en homenaxe a Otero Pedrayo

  • Tras o brinde celebrouse unha conferencia multimedia sobre o autor ourensán e Carlos Casares

Ribadavia, 16 de novembro de 2017. O C.R.D.O. Ribeiro, en colaboración co historiador Xavier Castro, realizou onte un novo evento incluído na segunda edición das Xornadas de Cultura do Viño e Literatura cunha conferencia sobre Otero Pedrayo, Carlos Casares e o viño da D.O. Ribeiro. O evento tivo lugar Liceo de Ourense un espazo que forma parte da memoria de Ourense. Xavier Castro, historiador especialista na historia do viño, Juan Casares Gándara e Cristina Alcalá, presidente e xerente da D.O. Ribeiro respectivamente, foron os protagonistas da segunda edición das Xornadas de Cultura do Viño e Literatura.

Esas xornadas con carácter interdisciplinar recorrerán proximamente as cidades de Santiago de Compostela e Madrid, despois de estar en Vigo e Barcelona festexando conferencias multimedia, mesas redondas e outros eventos conmemorativos nos que interviñeron recoñecidos especialistas na cultura e historia do viño e a literatura.

 

Ribeiro, palabra de Otero Pedrayo

Ademais da conferencia multimedia das Xornadas de Outono, aproveitouse para reunir a un grupo de achegados de Otero Pedrayo unha hora antes para homenaxealo xunto a súa estatua na praza do Correxidor cun brinde moi especial. A parte do historiador Xavier Castro e o presidente e a xerente da D.O. Ribeiro, Juan Casares e Cristina Alcalá déronse cita tamén Belén Iglesias, concelleira de Educación e Cultura de Ourense, Rosendo Luís Fernández, vicepresidente da Deputación de Ourense, Juan Seco, presidente da Fundación Otero Pedrayo e o historiador Alfonso Vázquez Monxardín.

O acto consistiu nunha homenaxe da D.O. Ribeiro a Otero Pedrayo xunto a súa estatua de Ourense. Entre tódolos presentes estableceuse unha faladoiro sobre a figura do homenaxeado, nun acto simbólico onde Juan Casares, presidente do C.R.D.O. Ribeiro agradeceu a presenza a tódolos compañeiros e amigos de Otero Pedrayo e presentou o evento. Pola súa parte, Xavier Castro aludiu á figura do escritor en relación coa cidade, lugar onde tivo ocasión de tratalo persoalmente, e Cristina Alcalá resaltou o bo momento que está vivindo a D.O. Ribeiro e o seu compromiso coa cultura galega. Ao final do acto os asistentes brindaron cunha copa de viño do Ribeiro en honor de Otero Pedrayo.

 

II Xornadas de Cultura do Viño e Literatura

Estas xornadas están promovidas polo Consello Regulador da Denominación de Orixe Ribeiro e coordinadas polo profesor Xavier Castro, e pretenden homenaxear a Carlos Casares e Otero Pedrayo, ilustres escritores galegos que tiveron vínculos na súa vida e na súa obra coa comarca do Ribeiro. A D.O. Ribeiro é unha das máis antigas e prestixiosas de España, e o seu viño é, sen dúbida, unha das marcas que mellor encarnan a representación da identidade simbólica de Galicia. Dáse así continuidade ao proxecto cultural iniciado o ano pasado coas primeiras Xornadas de Cultura do Viño e Literatura: Palabra de Cervantes.

No seguinte enlace está gravada a primeira mesa redonda do ciclo da edición pasada, que contou coa presenza do Presidente da Real Academia Galega, Xesús Alonso Montero, quen impartiu unha amena charla sobre “O Ribeiro, lingua e literatura”. Estivo acompañado polo historiador da Universidade de Vigo, Luís Domínguez Castro, quen se centrou no viño do Ribeiro na Época Contemporánea, trazando unha visión histórica da comarca ata os nosos días. Ambos recoñecéronse como “ribeiraos” e aludiron a súa biografía labrega no Ribeiro. www.youtube.com/watch?v=nHlzDxCPrd4

Comparte...