A DO Ribeiro aposta, en Madrid, pola hostalería e o consumidor experto

A DO Ribeiro aposta, en Madrid, pola hostalería e o consumidor experto

A xerente do C.R.D.O. Ribeiro, Cristina Alcalá, acompañada polo presidente do organismo, Felicísimo Pereira, compartiron unha charla-cata de presentación da Denominación de Orixe Ribeiro cun seleccionado grupo de profesionais, hostalería e prensa madrileña. Durante todo o mes, as adegas Pazo Casanova, Priorato de Razamonde e Val do Deva foron as protagonistas nas catro tendas que Bodega Santa Cecilia ten en Madrid, nas que se organizaron accións promocionais dirixidas aos seus clientes. A charla-cata tivo lugar na Bodega Santa Cecilia da rúa Blasco de Garay e foi retransmitido en directo mediante as redes sociais.

Durante o evento, que completou aforo, explicáronse as características distintivas da D.O. máis antiga  de Galicia e catáronse os viños das adegas participantes na promoción, así como alúns outros de distintos perfís, anadas, elaboracións… sorprendendo gratamente aos asistentes.

Para Cristina Alcalá “esta promoción ao completo foi unha aposta decidida para fortalecer os viños da D.O. Ribeiro dirixíndonos á hostalería e consumidor experto na capital, o mercado onde máis están crecendo as nosas adegas e, sen dúbida, o máis importante de toda España”.

Pola súa parte,  o presidente do Consello Regulador, Felicísimo Pereira, quixo sinalar que esta promoción “é unha maneira de continuar coa  difusión do viño da D.O. Ribeiro por todo o territorio nacional. Trátase dun evento para coñecer de primeira man a nosa Denominación de Orixe e os seus viños e compartir experiencias en torno a eles”.

Comparte...