O C.R.D.O. Ribeiro acaba de presentar a 4ª edición do ciclo Cata a Arte

O C.R.D.O. Ribeiro acaba de presentar a 4ª edición do ciclo Cata a Arte

Ourense, 31 de outubro de 2017. O C.R.D.O. Ribeiro vén de presentar esta mañá a cuarta edición do ciclo Cata a Arte, que terá lugar novamente no Centro Cultural Marcos Valcárcel de Ourense e que inclúe presentacións e degustacións de cinco adegas da Denominación de Orixe máis antiga de Galicia acompañadas de accións culturais paralelas como teatro, danza e música. Na presentación participaron o presidente do C.R.D.O. Ribeiro, Juan Manuel Casares Gándara, o director do C.C. Marcos Valcárcel, Francisco González Bouzán, o deputado provincial de Cultura, Manuel Doval,  a xerente de Autismo Ourense, Ana Tejada Vidal, os representantes das adegas protagonistas do ciclo e a bailarina de danza contemporánea Nuria Sotelo.

Novamente, as catas terán un carácter solidario. O C.R.D.O. Ribeiro colabora coa asociación sen ánimo de lucro Autismo Ourense, polo que nesta cuarta edición, solicitarase aos asistentes un donativo a favor desta entidade que ten como misión promover a calidade de vida das personas con Trastornos do Espectro do Autismo (TEA) e das súas familias ao longo do seu ciclo vital, facilitando e potenciando o seu desenvolvemento integral, mediante a posta en práctica de programas individualizados e específicos que cubran as características, necesidades e intereses de cada un dos seus usuarios.

Catas e accións culturais

As catas comezarán o vindeiro xoves, 2 de novembro, e continuará durante todos os xoves ata finais de mes. O pistoletazo de saída poñerao esta semana Bodegas GRM, que realizará unha degustación dos viños Adeus, A Telleira e 3URA, acompañada da música do trío compostelán Tato Trío. O vindeiro 9 de novembro seguiremos coa cata de Cuñas Davia que presentará os viños Cuñas Davia branco, tinto e branco barrica arroupada pola música de MounQup. O 16 de novembro será o momento da realización da cata de Nairoa, que presentará as últimas anadas dos seus viños Alberte e Val de Nairoa ao son da música do dúo Ton Risco & Jacobo de Miguel. O 23 de novembro será o intre de Pazo Casanova que presentará o seus viños Casanova, Pazo Casanova e Finca Viñoa  acompañados da danza contemporánea de Nuria Sotelo e Cris Vilariño. E para rematar esta cuarta edición, o broche final poñerao o 30 de novembro a Bodega Alanís, que presentará o seu viño Gran Alanís en harmonía co teatro musical da man de Lili Berlín.

 

Comparte...