A Ruta do Viño Rías Baixas estrea nova web con motivo do seu 20 aniversario

A Ruta do Viño Rías Baixas estrea nova web con motivo do seu 20 aniversario

A Ruta do Viño Rías Baixas estrea unha web interactiva onde o usuario poderá crear e descargar o seu propio itinerario enoturístico

A nova web, www.rutadelvinoriasbaixas.com, presenta “unha interface amigable e interactiva que pretende ser un atractivo máis para os nosos visitantes”. Así o definiu o presidente da Ruta do Viño Rías Baixas, Juan Gil de Araujo. Unha das principais novidades é “a posibilidade de que os usuarios poidan crear o seu propio itinerario”.

Os pormenores sobre o funcionamento da web en xeral explicounos José Alcañiz, o xerente da empresa encargada de crear este novo portal dixital, Esterea, nunha rolda de prensa. Alcañiz indicou que a través do apartado Deseña a túa Ruta pódense escoller os establecementos asociados que se desexan percorrer -todos eles xeolocalizados a través da aplicación de Google Maps- para despois descargar en calquera portal móbil ou mesmo enviar a un email o itinerario. Todo co fin de “mellorar a experiencia dentro da Ruta do Viño Rías Baixas”.

Outra das incorporacións da web é o espazo do Blogue onde, ademais de difundir as noticias e as distintas actividades xeradas a través desta asociación sen ánimo de lucro, ofreceranse entradas con recomendacións para os amantes do enoturismo.

Así mesmo, xerouse un espazo destacado para a Axenda. Nela, mostraranse os distintos eventos e actividades que organiza a Ruta do Viño Rías Baixas. Ademais, ofrécese a posibilidade de inscribirse a un boletín electrónico no que se informará puntualmente aos usuarios de todas as iniciativas que se poñan en marcha a través da asociación sen ánimo de lucro.

Séguense mantendo os espazos dedicados aos distintos establecementos asociados da Ruta do Viño Rías Baixas e aos viños da D.O. Rías Baixas.

Comparte...