Xurxo Lobato

Q DE CALIDADE PARA A RUTA DO VIÑO RÍAS BAIXAS

fotografía de Xurxo Lobato

O próximo venres 1 de febreiro celebrarase o acto no que a Ruta doViño Rías Baixas recibirá o “Q” 2012 de Calidade Turística no apartado institucional outorgado polo Instituto de Calidad Turística de España (ICTE).

Será no marco de FITUR, onde se entregarán as máis de 600 novas distincións deste selo de calidade. Segundo destaca o ICTE o premio recoñece o labor da Ruta do Viño Rías Baixas na implantación da Nova Norma de Turismo Industrial nas súas adegas, que lle valeu a consecución de sete certificacións.

O presidente da Ruta do Viño Rías Baixas, Juan Gil, mostrouse moi satisfeito ao coñecer a noticia, “o premio énchenos de satisfacción e anima a todos os asociados a seguirmos traballando duro para lograr os obxectivos de desenvolvemento turístico da nosa bisbarra”, afirmou o máximo responsable da Ruta, que destacaba que este premio recoñece a excelencia turística da Ruta do Viño Rías Baixas.

A institución foi unha das primeiras en certificarse como Ruta de España no ano 2000. Integrada por case un centenar de socios así como por representantes das diferentes entidades, públicas ou privadas procedentes das diferentes subzonas do Salnés, Condado do Tea e Ribeira do Ulla, a Ruta do Viño Rías Baixas conta xa con seis itinerarios distribuídos en tres das cinco subzonas que compoñen a Denominación de Orixe Rías Baixas.

Comparte...