Con sabor a doce: A Festa do Melindre de Melide une tradición e repostaría nunha cita gastronómica ineludible

Con sabor a doce: A Festa do Melindre de Melide une tradición e repostaría nunha cita gastronómica ineludible

Melindres, amendoados e ricos. Co máis doce dos sabores arranca este fin de semana en Melide a edición número 27 da Festa do Melindre e da RepostaríaTradicional. Durante o sábado 12 e o domingo 13 de maio, Melide acollerá unha das citas gastronómicas máis importantes do ano na que a repostaría tradicional se pon de gala e se mestura con música, un showcooking e todo tipo de actividades.

A Festa do Melindre e da Repostaría Tradicional da Terra de Melide foi declarada de Interese Gastronómico de Galicia no ano 2013. Hai xa varios anos que o segundo fin de semana de maio está marcado no noso calendario con motivo desta cita gastronómica, dedicada en exclusiva a promocionar a repostaría da Terra de Melide. Aínda que non sempre foi así. No pasado a festa aproveitouse tamén para celebrar outros eventos como unha feira do cabalo ou unha homenaxe aos oficios tradicionais, mesturados co sabor dos doces da zona. Na actualidade o melindre, o amendoado e o rico son os indiscutibles protagonistas da festa, que recibe cada ano a miles de visitantes que queren degustar estes doces típicos da terra. Ademais na celebración danse cita outros produtos das distintas casas artesanais de Galicia, como licores e doces, que completan a experiencia gastronómica da festa.

En Melide existen 4 casas de mestres reposteiros que fabrican os tres doces típicos da localidade. Casa Melchora, Panadería Tahona, Pastelería Trisquel e Pastelería Estilo son os catro obradoiros que forman a Asociación de Repostería Tradicional Melide Terra Doce, dedicada a coidar e mimar a elaboración dos doces tradicionais da Terra de Melide. Os tres doces elabóranse seguindo a tradición artesá e aproveitando os produtos locais, como as manteigas do rural, vitais para a elaboración destes produtos. O saber facer dos obradoiros melidenses é unha das claves na elaboración dos melindres, amendoados e ricos e é por iso polo que se deron algúns pasos para a creación dunha indicación xeográfica protexida.

De entre os tres, os máis coñecidos son seguramente os melindres, unhas rosquillas pequenas, recubertas de xarope de azucre, ideais para sobremesas ou unha merenda. Ademais, outro dos doces tradicionais son os amendoados, característicos pola súa base de oblea e elaborados a base de améndoas moídas, clara de ovo e azucre.

Os máis descoñecidos para os foráneos son sen dúbida os ricos. E non é de estrañar. Os ricos elabóranse unicamente na Terra de Melide, o que lles confire un sabor único. Os ricos teñen forma alongada e son bastante duros. Son sen dúbida una das perlas da gastronomía melidense, que moitos dos asistentes á Festa do Melindre elixen para levar aos seus fogares, aproveitando que se conservan moito tempo.

Este ano os pregoeiros da festa serán os Hermanos Torres, famosos polo programa Torres en la Cocina, de RTVE. Sergio e Javier Torres serán os encargados de dar o pregón do evento, pero ademais realizarán ás 19.30 da tarde do sábado un showcooking, no que o público poderá observar aos coñecidos xemelgos entre fogóns.

Como vén sendo tradicional, a festa conta ademais con moitos embaixadores, encargados de axudar á súa promoción . The Foodie Searcher, o actor Monti Castiñeiras, Moncho Fernández, adestrador do Obradoiro CAB ou Quique Rodríguez, chef do Hotel Villa Magna de Madrid son só catro dos nomes dunha lista que completan Pati Blanco, director de Comunicación e Relacións Institucionais de El Corte Inglés de Galicia; Rogelio Groba, director da Orquestra de Cámara de Galicia; Ramiro Esparís, director do CIF Compostela; A.D. Cerne, asociación de Melide; Elena Fabeiro, presidenta da Fundación Pública de Artesanía de Galicia; Román Rodríguez, Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria; Miguel Ángel Santalices, presidente do Parlamento de Galicia e Sol María Vázquez, directora Xeral de Comercio e Consumo da Xunta de Galicia. Un elenco moi diverso que abarca sectores moi diferentes: a gastronomía, o espectáculo, a política, o deporte…

A autodenominada festa máis doce de Galicia, contará tamén con actuacións musicais, animación e outras actividades para exaltar aos verdadeiros protagonistas da festa: o melindre, o rico e o amendoado.

Comparte...